Novas

Venres, Abril 05, 2024

Hoxe reuniuse o grupo de traballo técnico no sector forestal do ISSGA

Imaxe_grupo traballo forestal

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024.

Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.

O grupo de traballo está traballando actualmente na elaboración de documentos técnicos sobre os equipos de protección individual nos diferentes postos de traballo de aproveitamento forestal.

Integran este grupo de traballo, ademais do persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo. A participación da parte empresarial funciona como canle de comunicación bidireccional e ao mesmo tempo propicia un efecto dominó, polo que as empresas de maior tamaño impulsan ás pequenas empresas e ao persoal autónomo na mellora e aplicación de ferramentas preventivas.

No Plan de actuacións do ISSGA 2024 o sector forestal inclúese como un sector de actuación prioritaria e preferente, tanto no eido do estudo e investigación de accidentes, no asesoramento técnico a empresas, na promoción da prevención de riscos laborais así como da realización de diversas actividades formativas e outras actuacións no sector co apoio e asesoramento deste grupo de traballo.