Martes, Maio 12, 2026
Hoxe reuniuse o grupo de traballo sílice cristalina respirable do CGSSL para avanzar na prevención da exposición a este axente en distintos sectores
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
A sede do ISSGA acolleu esta mañá a reunión do grupo de traballo de carácter técnico que está formado por persoal do ISSGA, do Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, de Saúde Laboral da Consellería de Sanidade e das organizacións sindicais e empresarial de Galicia.
Durante a reunión fíxose un percorrido polas medidas relacionadas coa exposición a sílice cristalina respirable (SCR) que están contempladas nos distintos eixes do Plan de actuación do ISSGA 2026. Do eixe 1 destacouse a execución das estratexias galega e española, a participación noutras estratexias da Xunta de Galicia, como a Axenda de minería sostible de Galicia 2030, e os numerosos grupos de traballo que serven para compartir coñecemento, unificar actuacións e acordar criterios técnicos. Do eixe 2 púxose en valor o traballo do Observatorio, a investigación harmonizada con códigos de causas das enfermidades profesionais, as fichas coas medidas resultantes da devandita investigación que serán obxecto de publicación e a actuacións comprobatorias por parte do persoal habilitado, con programas específicos para SCR dirixidos a talleres e a laboratorios de próteses dentais. Dos eixes 3 e 5 destacouse a campaña do ISSGA “Prevención da exposición a SCR en talleres e obras” e o informe que recolle as primeiras conclusións das visitas realizadas a 61 empresas.
No bloque dedicado aos grupos de traballo a nivel nacional informouse do subgrupo da Axenda Nacional Cancro Profesional, en concreto do seguimento das medidas específicas para SCR da Axenda, e do grupo SCR da CNSST, onde se está avanzando en varias liñas de traballo: coñecer o grao de aplicación da normativa de canceríxenos, desenvolver un mapa de exposición a SCR por actividades prioritarias e dar orientacións para a correcta xestión preventiva.
A sesión contou tamén cunha parte práctica que correu a cargo de Aitor Puente, Director de ARIGAL, quen mostrou a importancia do correcto axuste do equipo de protección respiratoria para que un equipo sexa eficaz e realizou unha proba de axuste cuantitativa que permite garantir a estanqueidade da máscara e a súa capacidade de protección. Desde o ISSGA agradecémoslle tanto a súa colaboración como a demostración realizada durante a reunión.