Xoves, Setembro 28, 2017
Hoxe remata en Santiago un curso sobre a xestión do risco de exposición ao amianto nos edificios
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- Esta actividade formativa organizada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e que forma parte da programación formativa da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), reuniu a arquitectos/as e arquitectos/as técnicos das administracións locais de Galicia que están directamente relacionados coa concesión de licenzas de obra de reforma e demolición e xestións das comunicacións previas de obra, persoal do Issga, persoal que desenvolve funcións de técnico superior en prevención de riscos laborais dos servizos de prevención propios das administracións públicas de Galicia e persoal dos grupos A1 e A2 responsable dos servizos de mantemento dos edificios das administracións públicas de Galicia.
Con este curso, que se devolveu en dúas xornadas de mañá e tarde e que remata hoxe, pretendeuse formar aos técnicos sobre a correcta xestión do risco derivado da presenza de materiais con amianto nos edificios.
Cómpre destacar a importancia de que o persoal técnico dos concellos que realizan esas tarefas teñan formación e información dos posibles riscos da presenza de amianto nos edificios que, polo seu ano de construción, é moi probable que conteñan amianto. Esta información debe coñecerse cando se van realizar tarefas de rehabilitación, reparación ou mantemento; ademais, nalgúns casos, é posible que xa se superara a vida útil do amianto instalado, polo que se deba retirar.
Os docentes que impartiron este curso, Gonzalo Zufía Álvarez e Lucía Ferrón Vidán, xefa da sección de Hixiene Industrial do ISSGA, abordaron, entre outros contidos do curso, aspectos como os efectos do amianto sobre a saúde, as fontes de exposición, os plans de traballo, o uso de materias con amianto na construción, as metodoloxías das inspeccións de amianto en edificios, a estratexia e método de toma de mostras daqueles materiais sospeitosos de conter amianto ou mesmo as situacións de risco no amianto instalado, para rematar cun caso práctico de inspección de amianto nun edificio.