Mércores, Setembro 27, 2017
Hoxe realizamos unha xornada técnica sobre cumprimento normativo das persoas xurídicas en prevención de riscos laborais no centro Issga de Pontevedra
- Case cen persoas asistiron a esta acción formativa na que se analizou a responsabilidade penal das persoas xurídicas e os técnicos de prevención
Esta xornada, realizada en colaboración co “Consejo General de Profesionales Compliance”, integrado na World Compliance Association, tivo como obxectivo analizar os últimos cambios no Código Penal en relación coa responsabilidade das persoas xurídicas e as persoas físicas que a compoñen e transmitir aos profesionais a importancia do cumprimento normativo e as responsabilidades asociadas co incumprimento, especialmente no ámbito das responsabilidades penais en materia de prevención de riscos laborais.
Na presentación deste acto formativo participaron o Subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, Fernando González Abeijón; o Vicepresidente do Consejo General de Profesionales Compliance, Miguel Ángel de la Cruz Molina e Alba Lema Dapena, Presidenta do Comité Académico da World Compliance Association.
A introdución da responsabilidade penal das persoas xurídicas a través do artigo 31 bis do Código penal, pon en valor o cumprimento normativo das empresas. A través dela, créase a figura do compliance officers (oficial de cumprimento) como un elemento básico para o cumprimento normativo.
Desde esta reforma do Código penal vimos oíndo falar con insistencia sobre esta figura así como dos programas de prevención de riscos penais, cuxo cumprimento pode chegar a exonerar ou atenuar este tipo de responsabilidade.
O pasado ano, a Fiscalía Xeral do Estado emitiu a Circular 1/2016 en relación a este tipo de responsabilidade, que trata dos modelos de prevención e, o que é máis destacable, fala dun réxime especial para as persoas xurídicas de pequenas dimensións.
Estes programas non teñen só por obxecto evitar a sanción penal, senón promover unha auténtica cultura ética empresarial.
Dentro da figura do compliance officers atópanse todos aqueles profesionais que desenvolven funcións de cumprimento normativo como os técnicos de prevención, os responsables de protección de datos, etc. como oficiais de cumprimento para áreas específicas. Por iso, é importante coñecer as responsabilidades, as metodoloxías de traballo e outros aspectos relacionados co cumprimento.
O cumprimento normativo consisten en establecer as políticas e procedementos suficientes e axeitados para garantir que unha empresa (directivos, empregados e axentes vinculados) cumpren o marco normativo aplicable, dentro do cal tamén se deben ter en conta, ademais das normas legais, as políticas internas, os compromisos con terceiros e os códigos éticos que a empresa se comprometeu a respectar.
Nesta actividade formativa, que foi clausurada pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, os relatores, que se indican de seguido, analizaron a responsabilidade penal das persoas xurídicas e dos técnicos de prevención, a visión da fiscalía, os sistemas de xestión compliance e os compliance officers en relación coa prevención de riscos laborais, así como a certificación dos sistemas de xestión compliance ou a función de cumprimento ante a prevención dos riscos penais na empresa:
- Rafael Ruiz Calatrava. Vocal da Real Academia de la Jurisprudencia e presidente do Consejo General de Profesionales de Seguridad y Salud en el Trabajo. UMIVALE
- Juan Antonio Frago Amada. Fiscal de delitos Económicos da Coruña
- Juan Carlos Bajo Albarracín. Presidente do Consejo General de Profesionales Compliance
- Cristina Bachiller Martínez. Directora técnica de Certification Applus
- Juan Pablo Regojo Balboa. Director da Unidade de Cumprimento do Grupo Nueva Pescanova