Venres, Marzo 16, 2018
Hoxe realizamos no Centro Issga de Pontevedra un obradoiro de empoderamento dos técnicos en PRL
Rande-Redondela, 16 de marzo de 2018. O centro Issga de Pontevedra acolle hoxe o “Obradoiro de empoderamento dos técnicos en PRL. Comunicación e habilidades sociais”, organizado polo Issga en colaboración con Aprosal, que conta con case oitenta asistentes.
O empoderamento entrou con forza no mundo da xestión do talento humano. Ao darlle ferramentas e desenvolver o talento do equipo humano, as organizacións conseguen unha mellora continua, o que lles leva a ter persoal máis comprometido, implicado e eficaz consigo mesmo, coa organización e cos proxectos que leven adiante.
A través da capacidade das persoas, de poder axustar o seu traballo con outras, é cando se obteñen resultados e conseguen un clima laboral óptimo, o que sen dúbida permitirá que o persoal se sinta motivado e poida cumprir as súas tarefas do mellor xeito, véndose directamente reflectido nos niveis de produtividade, competitividade e nas condicións laborais.
O técnico en prevención de riscos laborais é unha figura fundamental na xestión preventiva e mantén relación directa con todo o persoal polo que é importante facilitarlle mecanismos que axuden ao desenvolvemento do seu labor e permitan a mellora das condicións de traballo.
Traballar o empoderamento permite xerar interrelacións positivas, produtivas e proativas cos demais xa que o que se busca é que sexamos eficaces en calquera tipo de relación, tanto a nivel persoal como profesional.
Nesta xornada se expoñen unha serie de ferramentas que lles permitirá aos técnicos de prevención de riscos laborais recoñecer as súas propias habilidades para poder mellorar o seu traballo e lograr obxectivos, tanto individuais como colectivos, a través da construción de mellores relacións interpersoais con eles mesmos e cos seus compañeiros.
Oferta formativa
Na programación formativa do Issga para este ano recóllense 50 xornadas técnicas que se desenvolverán nos catro centros provinciais do ISSGA e que se pode consultar no apartado de formación da nosa web.
A actividade formativa de hoxe é a terceira dun total de quince que se desenvolverán no centro ISSGA de Pontevedra.
Esta actuación encáixase no eixo 6_Formación e difusión da prevención de riscos laborais do Plan de actividades do ISSGA, que ten como obxectivo proporcionar unha formación de calidade en materia de seguridade e saúde laboral programando e planificando xornadas técnicas nas distintas especialidades preventivas e nos diferentes sectores produtivos ou por riscos específicos, tendo en conta as novidades normativas e técnicas, os avances e innovación nos procedementos de traballo e maquinaria, sectores produtivos e riscos específicos, así como nos distintos protocolos de actuación, riscos hixiénicos, ergonómicos e de psicosocioloxía e medicina do traballo.