Xoves, Novembro 30, 2023
Hoxe participamos en Sabón no 4º Foro técnico de PRL sobre a cultura do benestar laboral na empresa
Arteixo, 30 de decembro de 2023. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe xoves presencialmente na 4ª sesión do Foro Técnico de PRL para afondar no tema do benestar laboral na empresa e nos programas de promoción da saúde no traballo, na Asociación de empresarios do Polígono industrial de Arteixo-Sabón.
Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do ISSGA na Coruña participou nesta xornada como relatora.
Na xornada, explicou posibles itinerarios para avanzar na consolidación da calidade do emprego, incidindo na creación de contornas de traballo seguros, saudables e sustentables, que teñan como valor fundamental a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e, en definitiva, lograr un verdadeiro estado do benestar que teña como centro as persoas.
Tamén falou da Rede española de empresas saudables e como formar parte dela, e aportou claves para xestionar a saúde dos/as traballadores/as desde un enfoque integral no que as accións responden a un concepto de saúde global biopsicosocial e están articuladas a distintos niveis (individual, colectivo, sobre a organización, as condicións de traballo, de vida,..) e desde un enfoque integrado con programas e proxectos coordinados.
O ISSGA forma parte do Comité Técnico de Verificación da REES desde hai 10 anos avaliando os programas e accións das empresas cara ao Recoñecemento de “Boas Prácticas en Promoción da Saúde” e o Recoñecemento de “Empresa Saudable e Sustentable en Promoción da Saúde no Traballo”.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.