Xoves, Abril 26, 2018
Hoxe iniciamos unha campaña de promoción do Laboratorio de referencia de hixiene analítica do ISSGA
- Esta xornada técnica forma parte das actividades que organiza o ISSGA con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo que se celebra o 28 de abril de 2018.
Rande-Redondela (Pontevedra), 26 de abril de 2018. O Centro Issga de Pontevedra acolleu hoxe unha xornada técnica coa que se inicia unha campaña de promoción para dar a coñecer o Laboratorio de referencia de hixiene analítica do Issga entre todos os axentes implicados na protección da saúde das persoas traballadoras: servizos de prevención alleos, servizos de prevención propios ou mancomunados, empresas ou administracións públicas.
Motivo
O laboratorio de hixiene analítica é o gran descoñecido dentro da hixiene industrial. Con todo, a súa participación é imprescindible naqueles casos nos que é necesaria a toma de mostra para poder levar a cabo unha adecuada avaliación hixiénica dos postos de traballo.
O Issga dispón no seu Centro de Pontevedra do laboratorio de referencia de hixiene analítica, que é un laboratorio altamente especializado na realización de determinacións analíticas de mostras ambientais e biolóxicas procedentes da exposición a axentes químicos ambientais.
O laboratorio esta dotado dunha avanzada tecnoloxía e de persoal altamente cualificado para garantir os resultados analíticos.
Os servizos deste laboratorio están dispoñibles para todos os axentes implicados na protección da saúde das persoas traballadoras, mediante o pagamento, no seu caso, dos correspondentes prezos privados.
Xornada de presentación
Nesta xornada, logo de expoñer en que casos é necesario levar a cabo unha toma de mostras para a valoración hixiénica e explicar as principais características dos métodos analíticos, a interpretación do informe correspondente e os criterios para a súa elección, presentouse o laboratorio de referencia de hixiene analítica do Issga, a súa oferta analítica, os medios e equipamento de que dispón e o procedemento para realizar a solicitude analítica.
Esta acción formativa rematou cunha visita ao laboratorio das persoas asistentes á xornada á que, ademais doutra documentación, entregóuselles un tríptico e un cartel nos que se informa sobre os procedementos analíticos do laboratorio de referencia de hixiene analítica do Issga, así como da listaxe de análises ofertadas, tanto ambientais como biolóxicas, e dos pasos a seguir para solicitar os seus servizos.
Exposición CPR Mendiño de Vigo
Ademais da xornada técnica, e tamén no marco das actividades realizadas polo Issga con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, tivo lugar durante toda a duración desta acción formativa no Centro ISSGA de Pontevedra unha exposición de traballos creativos de prevención de riscos laborais realizado polo alumnado de grao medio de administrativos, comerciais e sanitarios do CPR Mendiño de Vigo, que puideron presenciar todos os asistentes.
O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros accións formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo e axuden a acadar unha auténtica cultura preventiva en toda a sociedade.