Novas

Venres, Xuño 23, 2017

Hoxe desenvolvemos no Centro Issga de Pontevedra unha xornada sobre as enfermidades profesionais

  • Esta acción formativa, encadrada na programación formativa do Issga para este ano, realizouse en colaboración con Asepeyo

Rande-Redondela, 23 de xuño de 2017.- Segundo estimacións da OIT, as enfermidades ocasionadas polo traballo matan seis veces máis traballadores que os accidentes de traballo. Por conseguinte, é indispensable recoñecer e previr efectivamente as enfermidades profesionais como paso previo para o establecemento de programas nacionais de seguridade e saúde no traballo (SST) ben concibidos.

A prevención das enfermidades profesionais é un dos ámbitos sobre os que se debe traballar de maneira máis intensa, especialmente nos sectores e actividades con maiores índices de incidencia. Para iso resulta imprescindible promover o estudo e a investigación das enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo, identificando mellor os axentes causantes, os seus efectos e as medidas de prevención.

É necesario impulsar a declaración das sospeitas de enfermidade profesional polos facultativos do SERGAS e dos servizos de prevención para coñecer a verdadeira realidade. O recoñecemento das enfermidades profesionais favorece que se adopten medidas de prevención para eliminar as causas que as provocaron, e iso redunda en beneficio de todos os traballadores.

As enfermidades asociadas ao traballo son moitas, pero o noso sistema de Seguridade Social determina de maneira específica cales son os requisitos para que unha enfermidade sexa cualificada como profesional.

O recoñecemento legal dunha enfermidade profesional é importante tanto para poñer en evidencia a existencia dun perigo para a saúde, e por tanto a súa posterior prevención, como para poder aplicar as medidas preventivas específicas derivadas deste recoñecemento.

Ao recoñecer a orixe profesional da enfermidade póñense de manifesto os factores de risco que a xeraron, e a obriga da empresa de revisar a avaliación de riscos e adoptar as medidas preventivas necesarias para eliminar as causas e adaptar o posto de traballo así como de proporcionar unha vixilancia da saúde adecuada que garanta a detección precoz das enfermidades de orixe laboral.

Nesta xornada aclarouse o concepto de enfermidade profesional e se expuxeron as actuacións tanto da Administración (Inspección de Traballo, INSS e ISSGA) como das mutuas en relación con elas; tamén se lembraron as obrigas do empresario e se incidiu na prevención en relación coas enfermidades profesionais (estudo e cambios de posto de traballo, informes de recomendacións, etc.).

Os datos estatísticos reflicten a necesidade de incidir aínda máis nas enfermidades profesionais, promovendo a prevención antes que a rehabilitación ou o abandono temperán do traballo por motivos de saúde, en sintonía coas recomendacións procedentes das institucións comunitarias.

É fundamental dispoñer de fontes fiables de datos estatísticos como o CEPROSS e a colaboración de todos os implicados para reducir a aparición de enfermidades profesionais.

 

A mellora do intercambio de información e da coordinación entre os profesionais da saúde, tanto do sistema público sanitario como dos servizos de prevención, servirá para favorecer a detección precoz das patoloxías profesionais e, en consecuencia, actuar de maneira máis rápida e eficiente.