Novas

Martes, Setembro 21, 2021

Hoxe comezou un novo curso básico de prevención de riscos laborais en liña

Hoxe comezou un novo curso básico de prevención de riscos laborais en liña
  • Desenvolve o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas
  • Esta nova convocatoria conta con 300 prazas

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021.- Hoxe iniciouse un novo curso de formación sobre prevención de riscos laborais dirixidos a 300 alumnos e alumnas, que forma parte do Plan anual de actividades do Issga, no que recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 19 de novembro, data na que se realizará unha proba final.

O Issga este ano, en total, ofreceu 1.100 prazas nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, un 33% máis que o pasado ano, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para actividades de tempo libre (en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) e outra para traballadores autónomos, cuxa convocatoria está aberta e que comeza o vindeiro mes de outubro.

A Xunta, a través destes cursos promove comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, e fomenta o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada. Os alumnos e alumnas tamén aprenden a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.

Estas accións, de 60 horas de duración, teñen o obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención de nivel básico e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo. A oferta formativa do Issga, que este ano desenvólvese na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

Desenvolve o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

O Instituto desenvolve, ademais, outras campañas e actividades que pretenden inculcar a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.