Luns, Marzo 15, 2021
Hoxe comezamos un curso de formación interna sobre riscos psisosocias
15 de marzo de 2021. Hoxe deu comezo o curso “Riscos psicosociais. Metodoloxía de avaliación psicosocial. Estudo de casos” que organiza o ISSGA dentro da proposta de formación interna incluída no seu Plan de actividades e que forma parte da programación formativa da EGAP.
Conta con 25 participantes, terá unha duración de 12 horas lectivas e desenvolverase na modalidade de telepresenza os días 15, 17, 23 e 25 de marzo de 2021.
Formación interna
Debido aos numerosos avances no eido da PRL e ao dinamismo da materia, considérase preciso manter actualizada unha oferta formativa para o persoal do Instituto que inclúa cursos e accións sobre temas relacionados coa seguridade e saúde laboral, co fin de actualizar e afondar os seus coñecementos ou con temas preventivos novos e de actualidade sobre PRL.
Deste xeito permítenos reforzar a nosa labor fundamental de investigación, asesoramento e asistencia técnica ás organizacións sindicais e empresariais e aos demais axentes económicos para un mellor cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais.
Motivación
Os riscos psicosociais prexudican a saúde dos traballadores, causan tensións e, a longo prazo, poden producir enfermidades cardiovasculares, respiratorias e doutros tipos. Unha avaliación psicosocial permitirá analizar estes riscos para previr e corrixir as deficiencias de organización laboral, mellorando as condicións de traballo.
Obxectivos do curso
-
Analizar os elementos básicos do proceso dunha avaliación psicosocial.
-
Dar a coñecer instrumentos xerais e específicos de avaliación de factores de risco, así como das consecuencias asociadas á exposición.
Contido
Durante o curso se analizarán os factores e riscos psicosociais, se orientará sobre o proceso de xestión psicosocial e as orientacións para a avaliación psicosocial, se tratará como xestionar os datos en psicosocioloxía e se afondará dun xeito práctico e a través do estudo de casos na metodoloxía de avaliación psicosocial: método para a avaliación e xestión de factores psicosociais en pequenas empresas do INSST, FPSICO 4.0 e CoPsQ-istas-21.
Docentes
Técnicos do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) do Ministerio de Traballo e Economía Social.
-
Ángel Lara Ruiz
-
Aitana Clara Garí Pérez
Técnica do Instituto Social de Traballo, Ambiente e Saúde (ISTAS)
-
Clara Lloréns Serrano