Novas

Mércores, Abril 02, 2025

Hoxe comeza un curso de formación interna sobre traballos altura en Redondela

imaxe formación Redondela

Redondela, 2 de abril de 2025

Este curso de formación interna “Traballos en altura: proteccións individuais e colectivas; uso de escadas, plataformas de traballo e estadas”, que forma parte da programación formativa da EGAP, ten como obxectivo proporcionar unha formación específica para coñecer os principais riscos e medidas preventivas asociados aos traballos en altura.

Serán un total de 18 horas lectivas que se repartirán en catro xornadas presenciais de carácter eminentemente práctico e na que participarán 15 alumnos/as.

Os seus destinatarios son o persoal técnico do ISSGA que reforzarán os seus coñecementos sobre os requisitos regulamentarios, aspectos técnicos, a tipoloxía de equipos de traballo e medios de protección (colectivos e individuais), así como os procedementos e condicións de utilización segura que permitan planificar e abordar, cos niveis de seguridade adecuados, os traballos temporais en altura.

Nun estudo sobre a análise da accidentabilidade laboral evidenciouse a gran incidencia que están a ter as caídas de altura; isto motivounos a realizar diversas actuacións que axudaran a mellorar as condicións laborais neste tipo de  traballos e a reducir o número de accidentes derivados das caídas de altura, entre as cales está esta acción formativa.

A actividade preventiva e a formación supoñen as mellores ferramentas para combater os riscos que está xerando estes sinistros laborais, motivo polo que, neste momento, estanse a programar estas actividades formativas.

Dentro do programa formativo destaca o carácter eminentemente practico desta actividade na que se abordaron cuestións como os riscos específicos de traballos en altura segundo a tipoloxía do traballo, a normativa, redes horizontais, os riscos, medidas preventivas e protección colectiva e individual asociadas ao uso de escadas, estadas e plataformas de traballo así como o rescate de accidentado en altura e técnicas de autoevacuación urxente.

A proposta de formación interna do Instituto vai ligada ás actuacións que se desenvolven nas distintas áreas preventivas, cun carácter interdisciplinar e tendo en conta as demandas do persoal técnico.

Deste xeito permítenos reforzar a nosa labor fundamental de investigación, asesoramento e asistencia técnica ás organizacións sindicais e empresariais e aos demais axentes económicos para un mellor cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais.