Xoves, Novembro 16, 2017
Hoxe analizamos os riscos laborais derivados do transporte por estrada
- O centro Issga da Coruña acolleu a xornada técnica "PRL no sector de transporte por estrada. Riscos específicos dos condutores profesionais".
O transporte de mercadorías é un eixo central na economía das sociedades industrializadas, e en concreto, o de mercadorías por estrada constitúe un mercado de grandes dimensións, cun importante aumento de transaccións anuais por paquetería, pois ás necesidades convencionais súmase o mercado das vendas por internet, en crecemento continuo.
Algunhas características deste sector dificultan o desenvolvemento dunha eficaz prevención de riscos laborais: a súa gran atomización a nivel empresarial, o predominio de traballadores autónomos e a importancia do risco de accidente de tráfico, que eclipsa ao resto. Por outra banda, o transporte de mercadorías perigosas impón unhas esixencias de seguridade específicas, que aínda que están encamiñadas a un ámbito máis amplo que o risco laboral, tamén teñen unha clara vinculación con el.
Nesta xornada expuxéronse ambas as vertentes relacionadas co transporte de mercadorías por estrada: na primeira parte abordáronse os riscos laborais derivados da actividade xenérica, que foron expostos, incluíndo algún exemplo práctico, por dúas das autoras do "Manual de boas prácticas de prevención de riscos laborais no transporte de mercadorías por estrada", editado por OSALAN, Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laborais en colaboración con UPTA-Euskadi, Itxaso Paul Salvador e Susana Teomiro Salgado, técnicas do Centro Territorial de Bizkaia. A segunda parte da xornada enfocou a xestión máis específica do transporte considerado no ADR (Acordo europeo sobre o transporte de mercadorías perigosas por estrada), que esixe requisitos especiais e que foi impartida por David Rodríguez Pérez, conselleiro de seguridade ADR-FREMAP.