Luns, Maio 12, 2014
Galicia rexistrou un total de 5.618 accidentes laborais no primeiro trimestre deste ano
Santiago, 12 de maio de 2014.- A sinistralidade laboral aumentou un 2,84% no primeiro trimestre do ano, cun total de 5.618 accidentes laborais fronte aos 5.463 no mesmo período do ano 2013.
Este aumento dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias agás en Pontevedra: nunha porcentaxe do 8,74% na Coruña; nun 7,19% en Ourense; e do 3,20% en Lugo. Diminuíron os accidentes nun 6,33% en Pontevedra. Os sinistros mortais diminuíron no primeiro trimestre un 6,25 por cento en relación ao mesmo período do ano 2013.
Con respecto ao mes de marzo, o total dos sinistros laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia aumentou un 17,87%. Neste mes rexistráronse 1.913 accidentes fronte aos 1.623 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.Do total dos accidentes, 1.860 foron accidentes leves, 45 graves e 8 mortais.
Aumentaron os accidentes en todos os sectores: na pesca nun 33,01%, nos servizos nun 19,75%, na construción nun 17,13%, na industria nun 14,45% e na agricultura nun 1,20%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 18,49% en marzo deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior aumento foi na pesca co 32,79%, nos servizos foi do 19,61%, na construción do 19,54%, na industria foi do 16,76% e na agricultura do 4,74%.