Xoves, Novembro 29, 2012
Galicia rexistrou un descenso da sinistralidade laboral do 24,65 por cento nos dez primeiros meses deste ano
• O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en outubro do 2012 descendeu un 13,24%
• Neste mes rexistráronse 2.332 accidentes fronte aos 2.688 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior
• Do total dos accidentes, 2.281 foron accidentes leves, 42 graves e 9 mortais
A sinistralidade laboral diminuíu nun 24,65% nos dez primeiros meses do ano, cun total de 2.332 accidentes laborais fronte aos 2.688 no mesmo período do ano 2011.
Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 29,41% en Pontevedra, nun 23,86% en Lugo, do 22,15% na Coruña e do 18,87% en Ourense.
Os datos da incidencia tamén reflicten o descenso da sinistralidade, sendo a diminución no total de Galicia do 20,89% e os datos da diminución por provincias os seguintes: 25,25% en Pontevedra, 18,68% na Coruña, 20,20% en Lugo, e 15,18% en Ourense.
Descenso no mes de outubro
O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en outubro do 2012 descendeu un 13,24%. Neste mes rexistráronse 2.332 accidentes fronte aos 2.688 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.
Do total dos accidentes, 2.281 foron accidentes leves, 42 graves e 9 mortais.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 8,46% en outubro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Descendeu a incidencia nos seguintes sectores: na construción foi do 4,64%, na industria do 15,90%, nos servizos do 7,81%, pola contra, aumentou a incidencia na agricultura nun 3,73% e na pesca nun 61,30%.