Novas

Luns, Xullo 23, 2012

Galicia rexistrou un descenso da sinistralidade laboral do 23,52 por cento nos seis primeiros meses deste ano

Galicia rexistrou un descenso da sinistralidade laboral do 23,52 por cento nos seis primeiros meses deste ano

Santiago, 23 de xullo de 2012.- A sinistralidade laboral diminuíu nun 23,52% nos seis primeiros meses do ano, cun total de 12.139 accidentes laborais fronte aos 15.873 no mesmo período do ano 2011.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 26,17% en Pontevedra, nun 22,64% en Lugo, do 22,30% na Coruña e do 20,51% en Ourense.

Os datos da incidencia tamén reflicten o descenso da sinistralidade, sendo a diminución no total de Galicia do 19,86% e os datos da diminución por provincias os seguintes: 21,81% en Pontevedra, 19,23% en Lugo, 19,10% na Coruña e 17,09% en Ourense.

Descenso no mes de xuño
O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en xuño do 2012 descendeu un 29,70%. Neste mes rexistráronse 1.962 accidentes fronte aos 2.791 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.

Do total dos accidentes, 1.920 foron accidentes leves, 40 graves e 2 mortais.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 26,31% en xuño deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Descendeu a incidencia en todos os sectores: na industria foi do 32,39%, nos servizos foi do 23,21%, na agricultura do 19,28%, na construción do 18,29% e na pesca do 11,83%.