Novas

Domingo, Setembro 02, 2012

Galicia rexistrou un descenso da sinistralidade laboral do 23,05 por cento nos sete primeiros meses deste ano

Santiago, 2 de setembro de 2012.- A sinistralidade laboral diminuíu nun 23,05% nos sete primeiros meses do ano, cun total de 13.967 accidentes laborais fronte aos 18.151 no mesmo período do ano 2011.

Este descenso dos accidentes laborais produciuse en todas as provincias: nunha porcentaxe do 24,69% en Pontevedra, nun 24,03% en Lugo, do 22,07% na Coruña e do 20,72% en Ourense.

Os datos da incidencia tamén reflicten o descenso da sinistralidade, sendo a diminución no total de Galicia do 19,17% e os datos da diminución por provincias os seguintes: 20,11% en Pontevedra, 20,44% en Lugo, 18,62% na Coruña e 17,10% en Ourense.

Descenso no mes de xullo
O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en xullo do 2012 descendeu un 19,67%. Neste mes rexistráronse 1.830 accidentes fronte aos 2.278 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.

Do total dos accidentes, 1.787 foron accidentes leves, 42 graves e 1 mortal.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, descendeu un 14,4% en xullo deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Descendeu a incidencia nos seguintes sectores: na industria foi do 16,62%, nos servizos foi do 11,79%, na agricultura do 45,15%, na construción do 5,37%; mentres que na pesca aumentou un 23,67%.