Novas

Luns, Xuño 30, 2014

Galicia rexistrou preto de 9.500 accidentes laborais nos cinco primeiros meses do ano

Galicia rexistrou preto de 9.500 accidentes laborais nos cinco primeiros meses do ano

Santiago, 30 de xuño de 2014.- Galicia rexistrou un total de 9.466 accidentes laborais nos cinco primeiros meses do ano, fronte aos 9.223 no mesmo período do ano 2013, isto supón un incremento do 2,63% neste período.

Agás en Pontevedra, este aumento dos accidentes laborais deuse en todas as provincias. Aumentaron os accidentes na Coruña, nunha porcentaxe do 4,89%; en Lugo, nun 1,36%; e en Ourense, nun 5,57%. Os accidentes diminuíron en Pontevedra nun 0,95%.

Pola súa banda, o total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en maio aumentou un 14,55%. Neste mes rexistráronse 1.992 accidentes fronte aos 1.739 rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.949 foron leves, 34 graves e 9 mortais. Aumentaron en todos os sectores: na construción, nun 31,47%; na industria, nun 22,77%; na agricultura, nun 13,95%; nos servizos, nun 6,88%; e na pesca, nun 5,38%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 14,07% en maio deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, o maior aumento foi na construción co 32,47%, na industria nun 25,76%, na agricultura nun 16,15%, na pesca foi do 7,90% e nos servizos do 5,37%.