Venres, Marzo 26, 2010
GALICIA REXISTROU EN FEBREIRO UN TOTAL DE 3.080 ACCIDENTES LABORAIS CON BAIXA EN XORNADA LABORAL
Durante o mes de febreiro, rexistráronse en Galicia un total de 3.080 accidentes con baixa en xornada laboral, dos que a grande maioría (3.017) foron leves, 56 foron de carácter grave e 7 mortais. Do total de accidentes, 2.334 corresponderon a homes e 746 a mulleres.
Con respecto a febreiro do ano pasado, os accidentes leves aumentaron ao pasar de 2.844 no mesmo mes do exercicio anterior aos 3.017 deste ano. No que se refire aos accidentes graves, houbo un incremento dos 51 en febreiro de 2009 aos 56 o pasado mes. Finalmente, no que respecta aos mortais en xornada laboral, en febreiro de 2010 rexistráronse 7 fronte aos catro de 2009.
Segundo a segregación por sectores, na construción non houbo variación no número total de accidentes en relación co mesmo mes do ano pasado. O incremento no sector servizos foi do 1,50%, ao pasar dos 1.269 accidentes de febreiro de 2009 aos 1.288 de febreiro deste ano. De feito, o maior incremento porcentual da sinistralidade neste mes de febreiro foi na pesca, xa que se pasou dos 86 accidentes do ano pasado aos109 do 2010, o que supón unha suba do 26,74%; seguido da agricultura (22,33 %) e da industria (14.46%).
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, é necesario facer unha comparación entre os datos dos accidentes en relación co número dos traballadores coas contixencias de accidente cubertas –isto é, o índice de incidencia- e tamén dos accidentes acumulados ó longo do ano.
Tendo en conta a variación do índice de incidencia por sectores no total dos accidentes de Galicia, a maior variación no mes de febreiro rexistrouse na agricultura. O seguinte sector en canto ao incremento da sinistralidade foi a pesca. Pola contra, a menor variación do índice de incidencia detectouse no sector servizos.
Accidentes acumulados
Do total dos accidentes en xornada laboral acumulados neste ano, ata o mes de febreiro, 5.936 foron leves, 97 foron de carácter grave, e 12 foron accidentes mortais.
Así, con respecto ao mesmo período do ano pasado, houbo un incremento dos accidentes leves do 13,11%, e dos graves dun 11,49%. Fronte a isto, os sinistros mortais en xornada laboral diminuíron dos 16 de xaneiro e febreiro de 2009 ata os 12 entre xaneiro e febreiro de 2010, o que supón unha diminución do 25%.