Novas

Luns, Decembro 22, 2014

Galicia pechou o mes de novembro con 2.205 accidentes laborais

Galicia pechou o mes de novembro con 2.205 accidentes laborais

Santiago, 22 de decembro de 2014.- O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en novembro de 2014 aumentou un 13,66%. Neste mes rexistráronse 2.205 accidentes fronte aos 1.940 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.

Do total dos accidentes, 2.164 foron accidentes leves, 37 graves e 4 mortais.

O comportamento dos sectores non foi uniforme: diminuíron os accidentes na agricultura nun 8,94%, aumentando nos demais sectores. Os accidentes aumentaron: na pesca nun 4,17%, nos servizos nun 11,47%, na industria nun 19,50% e na construción nun 25,10%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 12,59% en novembro deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, diminuíu a incidencia na agricultura nun 7,14%. Nos demais sectores, os aumentos foron: na pesca nun 7,56%, nos servizos nun 9,49%, na industria nun 20,20% e na construción nun 26,09%.

Accidentes acumulados ata novembro
A sinistralidade laboral aumentou un 3,40% ata novembro deste ano, cun total de 21.501 accidentes laborais fronte aos 20.794 no mesmo período do ano 2013.

Agás en Pontevedra, este aumento dos accidentes laborais deuse en todas as provincias. Aumentaron os accidentes: na Coruña nunha porcentaxe do 6,90%, en Lugo nun 11,22% e en Ourense nun 5,91%. Os accidentes diminuíron en Pontevedra nun 4,54%.