Novas

Mércores, Decembro 30, 2009

GALICIA PECHOU NOVEMBRO CUN TOTAL DE 3.548 ACCIDENTES LABORAIS, UN 18,4% MENOS QUE NO MESMO PERÍODO DE 2008

Santiago, 29 de decembro de 2009.- Galicia rexistrou un total de 3.548 accidentes en xornada laboral durante o mes de novembro, un 18,4% menos que no mesmo período do ano anterior cando se produciron 3.743. Este descenso produciuse en tres das catro provincias, A Coruña, Lugo e Pontevedra, mentres que se rexistrou un incremento en Ourense, onde se produciron 20 accidentes máis, o que significa un incremento dun 6,1%.

Esta diminución global, 195 accidentes menos, debeuse sobre todo aos accidentes leves, xa que a reducións nos graves e mortais foi máis reducida.

Por provincias, segundo o seu índice de incidencia, dato para o que se ten en conta o número de traballadores afiliados, Lugo e Ourense foron as dúas provincias que presentaron un mellor comportamento, seguidas da Coruña e Pontevedra.

Por sectores, e facendo a comparación de toda Galicia co mesmo mes do ano anterior, houbo baixadas en todos agás no sector servizos, estando o maior descenso da sinistralidade na Industria, xa que, mentres que no mes de novembro do pasado ano houbo un total de 1.262 accidentes durante a xornada de traballo, neste ano contabilizáronse 1.092, é dicir, 170 accidentes menos ou unha diminución do 13,47%.

Pola contra, os Servizos foron os únicos onde non houbo unha baixada no número de accidentes de traballo, pasando dos 1.346 do mes de novembro do ano pasado aos 1.413 do mesmo mes deste ano, o que supón unha subida de arredor do 5%. Neste eido, é preciso lembrar que estas comparacións deben tomarse de xeito orientativo, por mor da diferenza que supón o emprego de diferente Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) nos anos 2008 (CNAE 93) e 2009 (CNAE 2009), o que non permite facer unha comparación exacta, ao diferir o encadramento das empresas nos sectores de actividade.

Accidentes graves e mortais

Polo que respecta aos accidentes graves, o mes de novembro rexistrou un leve descenso no dato interanual, dos 53 rexistrados en novembro de 2008 pasouse aos 52 deste ano, o que supón un 1,9% menos. Por provincias, houbo baixadas en Lugo, 4 accidentes menos (57,1%), e en Ourense onde foron 2 menos (50%), na Coruña houbo o mesmo número de accidentes, e en Pontevedra pasaron de 24 a 29 accidentes graves, o que supón un incremento dun 20,1%. Por provincias, de menor a maior sinistralidade grave sitúanse: Ourense (2), Lugo (3), A Coruña (18) e Pontevedra (29).

Os accidentes mortais en xornada laboral tamén diminuíron en relación co mesmo mes do ano anterior, ao pasar dos 8 do ano pasado aos 7 deste. Por provincias, destaca a ausencia de sinistros mortais en Ourense, mentres que A Coruña e Lugo rexistraron dous cada unha e Pontevedra 3.

Neste mes non se contabilizou ningún accidente mortal in itínere, é dicir, no camiño do traballo á casa ou da casa ao traballo, cando no ano pasado houbo 3.

Polo que respecta á análise da causa dos sinistros mortais en xornada laboral, esta desprende que dos 7 sinistros mortais, 4 foron por “infarto, derrame cerebral ou outra patoloxía” (57,14%), 2 por “golpe sobre ou contra un obxecto inmóbil resultado dunha caída do traballador" (28,57%), e 1 por “choque cun obxecto, vehículo ou persoa (traballador en movemento)” (14,29%).

Datos acumulados do 2009

Entre xaneiro e novembro de 2009, tiveron lugar en Galicia 37.067 accidentes en xornada laboral, o que significa un total de 10.031 menos, sobre un 21,3% menos que nos once primeiros meses do ano pasado.

Pontevedra foi a provincia onde se rexistra o maior descenso na sinistralidade nestes once meses, tanto no número total de accidentes ocorridos coma en porcentaxe, en relación co mesmo período do ano pasado, ao pasar dos 18.612 a 13.851 o que supón 4.761 accidentes menos (un 25,58%).

A Coruña situouse en segundo lugar en número e terceira en porcentaxe de diminución, con 3.691 accidentes menos (de 19.953 a 16.262), cunha diminución dun 18,50%. En Ourense houbo, de xaneiro a novembro, un total 3.377 accidentes, dato que contrasta cos 4.198 rexistrados o ano pasado, o que supón unha diminución en 821 ou nunha porcentaxe do 19,56%, e por último, en Lugo tiveron 758 accidentes menos, xa que se pasou de 4.335 a 3.577 ou un 17,49% de diminución.

Si temos en conta os traballadores afiliados, a maior diminución da incidencia tivo lugar nas provincias de Pontevedra, A Coruña, Ourense e Lugo por esta orde, sendo Lugo a provincia de menor índice de incidencia de accidentes totais acumulados. É de salientar a semellanza das cifras que se acadaron neste ano nos índices entre as provincias da Coruña e Pontevedra.