Martes, Novembro 16, 2010
Formación preventiva de nivel básico esta semana no centro ISSGA da Coruña
Do 15 ao 19 de novembro o ISSGA imparte no seu centro da Coruña un curso básico de Prevención en Riscos Laborais, de 35 horas de duración, que proporciona o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións básicas da actividade preventiva, establecidas no artigo 35 do Regulamento dos Servizos de Prevención (Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro), e dota aos empresarios dos coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas empresas ou centros de traballo.
O curso inclúe 5 horas de formación sobre prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.
Entre esas funcións de nivel básico, están promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e de protección, fomentar o interese e a cooperación dos traballadores na acción preventiva, promocionar as actuacións preventivas básicas (orde, limpeza, sinalización, mantemento xeral e seguimento e control do mesmo), realizar avaliacións de riscos, colaborar na avaliación e no control dos riscos xerais e específicos da empresa e actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios, entre outras.