Novas

Venres, Novembro 27, 2009

Expertos en certificación de maquinaria debaten no ISSGA da Coruña os cambios que suporá a aplicación da nova directiva de máquinas no sector da construción

Expertos en certificación de maquinaria debaten no ISSGA da Coruña os cambios que suporá a aplicación da nova directiva de máquinas no sector da construción

Ante a próxima entrada en vigor da nova Directiva de Máquinas 2006/42/CE, o vindeiro 29 de decembro, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro provincial da Coruña a xornada técnica “Real Decreto 1644/2008. Comercialización de máquinas. A súa aplicación ao sector da construción”, encamiñada a explicar os cambios que suporá esta normativa.

A razón de organizar unha xornada centrada na aplicación desta directiva no sector da construción é, segundo explicou o xefe do centro coruñés do ISSGA, Miguel Martínez Losada, a percepción de que se seguen a producir algunhas disfuncións en canto á comercialización e a posta en servizo das máquinas empregadas nas obras. Por iso, subliñou a importancia da presenza neste encontro de expertos de AENOR, entidade de certificación líder en España, do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT), do ámbito empresarial e do propio ISSGA.

O xefe de Sección de Seguridade na Construción do centro do ISSGA da Coruña, Francisco J. Nores Quesada, sinalou no seu relatorio que os problemas non residen só no feito de que a maquinaria empregada na construción non cumpra os requisitos que esixe a legalidade, senón tamén na súa incorrecta utilización.

Durante a súa charla, Nores fixo un percorrido pola evolución dos accidentes mortais ocorridos nos últimos anos neste sector de actividade que tiveron relación co uso de máquinas, sinalando que se teñen producido un total de 82 accidentes deste tipo no período comprendido entre os anos 2003 e 2008, dos que algo máis da metade corresponderon a caídas en altura.

Pola súa banda, Julián Virto Larruscain, director do Departamento de Verificación de Máquinas do Centro Nacional de Verificación de Maquinaria do INSHT, incidiu en que os accidentes graves relacionados co emprego de máquinas son unha parte moi importante dos accidentes en España, arredor do 20,5%, segundo estatísticas do ano 2008.

Segundo explicou, no referente ao campo de aplicación, esta directiva define mellor os equipos que quedan cubertos pola mesma, diferenciando entre o que é máquina e o que non o é; redefine a figura das máquinas incompletas (que non poden realizar por si mesmas unha aplicación determinada), denominándoas “cuasi-máquinas”; clarifica os límites con outras directivas; inclúe no seu ámbito de aplicación os ascensores de obras de construción e exclúe outros equipos que si introducía a anterior directiva (98/37/CE), como diversos medios de transporte, para evitar que se solapen con outras directivas.

Así mesmo, este documento indica de xeito máis explícito a obriga do fabricante de efectuar a avaliación de riscos. Sobre as obrigas dos fabricantes e dos empresarios pronunciouse máis detalladamente José Manuel Blanco Montero, xefe de Seguridade de Acciona en Galicia, quen se baseou no recollido na Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais.
Blanco incidiu en que os empresarios deberán garantir a adecuada selección do equipo, o control do mantemento e que a persoa que o use reúna as condicións necesarias de formación e información. Pola súa parte, os fabricantes e subministradores deberán verificar que a máquina non constitúe unha fonte de perigo, dar información sobre o seu correcto emprego e sobre as medidas preventivas necesarias e advertir dos riscos que se poidan derivar do seu uso en condicións normais.

Andrés Blázquez Martín, director técnico de certificación de AENOR, falou sobre o procedemento de certificación das máquinas do Anexo IV segundo esta nova directiva, mentres que Alberto Felgueroso Fernández, xefe do Departamento de Industria Bureau Veritas, realizou un resumo do Real Decreto 1644/2008, así como dos principais cambios que ésta supón con respecto á anterior, en especial da simplificación dos procedementos de avaliación da conformidade.

Clausurou a xornada o Subdirector Xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, José Rega Piñeiro, quen fixo fincapé nos cambios que traerá esta normativa en aspectos como a vixilancia do mercado. Este texto expón de xeito máis detallado as obrigas relativas á organización da mesma, esténdea ás cuasi-máquinas e prevé a cooperación e o intercambio de información entre as autoridades competentes para a vixilancia do mercado e coa Comisión Europea, entre outros puntos.

Programación formativa do ISSGA

En canto á planificación de actividades formativas do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral para o 2010, Martínez Losada anunciou que a información sobre os cursos e xornadas técnicas que se celebrarán nos catro centros provinciais do ISSGA estará dispoñible na páxina web do Instituto, www.issga.es, antes de que acabe o ano.