Novas

Venres, Novembro 13, 2009

Expertos de FREMAP e ATISAE explican no ISSGA de Pontevedra os cambios que introduce a nova directiva de máquinas

Expertos de FREMAP e ATISAE explican no ISSGA de Pontevedra os cambios que introduce a nova directiva de máquinas

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro provincial de Pontevedra, situado en Rande (Redondela), unha xornada técnica sobre os cambios e novidades no campo de aplicación da Directiva de Máquinas 2006/42/CE (revisión da Directiva 98/37/CE) e a súa transposición ao dereito nacional polo Real Decreto 1644/2008, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das máquinas.

A xornada, que foi presentada polo xefe do centro pontevedrés, José Antonio Rodríguez Arribe, contou coa presenza de Manuela Méndez Fernández, técnico da sociedade de prevención FREMAP, que disertou sobre as novidades e cambios da nova directiva con respecto á antiga, e co xerente de asistencia técnica de prevención de riscos laborais de ATISAE, Antonio Espejo Gordo, que falou sobre as modificacións nos procedementos de certificación e como se van aplicar.

A Directiva de Máquinas revisada, que entrará en vigor o próximo 29 de decembro, non introduce cambios radicais, se ben si amplía e clarifica o seu campo de aplicación, actualiza determinados requisitos esenciais de seguridade e saúde e inclúe novos requisitos para certos tipos de máquinas.

Ademais, establece disposicións máis precisas relativas aos organismos notificados (responsables de comprobar o cumprimento dos produtos conforme á correspondente directiva europea), prevé un mecanismo para actuar contra máquinas potencialmente perigosas debido a defectos nas normas harmonizadas ou ás súas características técnicas e establece o contexto xurídico para que a vixilancia do mercado poida efectuarse debidamente, entre outros aspectos.

Dada a inmensa gama de produtos cubertos pola Directiva de Máquinas, a súa adaptación ás novas disposicións suporá un desafío importante para os axentes directamente implicados, como os Estados membros, os Organismos Notificados, as Organizacións de Normalización e, sobre todo, os propios fabricantes de maquinaria.

O que se pretende cunha aplicación axeitada e uniforme da Directiva é a comercialización e posta en servizo de máquinas cada vez máis seguras, do que se verán beneficiados todos os usuarios finais de maquinaria, incluídos os empresarios, responsables de poñer a disposición dos traballadores produtos seguros.