Venres, Outubro 10, 2025
Éxito de participación no webinar “Estratexias fronte ao malestar emocional”
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) celebrou este venres, 10 de outubro de 2025, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, o webinar “Estratexias fronte ao malestar emocional”, unha xornada técnica organizada en colaboración con Fremap para afondar nas claves da saúde mental no traballo e na prevención dos riscos psicosociais.
O encontro foi un éxito de participación, con preto de 300 persoas conectadas simultáneamente, o que amosa o crecente interese polo benestar emocional no ámbito laboral.
A sesión foi inaugurada polo Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e contou coa intervención de David Piélago Solís, licenciado en Psicoloxía do Traballo e Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais en Fremap. O relator destacou a importancia da empatía, a detección temperá e o autocoidado como ferramentas esenciais para manter o equilibrio emocional no traballo.
A actividade enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e no Plan de Actuación 2025 do ISSGA, reforzando o compromiso da institución coa promoción da saúde mental e a creación de contornos laborais máis seguros, sostibles e saudables.