Novas

Mércores, Maio 03, 2017

A Escola Galega de Prevención recibe a visita do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño

  • A  Escola Galega de Prevención ten como obxectivo que os rapaces e rapazas integren o concepto de cultura preventiva transversalmente dende os primeiros anos da súa formación

A Coruña, 3 de maio de 2017.- A Escola Galega de Prevención do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) recibiu a visita de 27 alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, de Buño, que se achegaron xunto cos seus mestres para coñecer este espazo educativo e introducirse nos conceptos básicos e nos contidos inmediatos da prevención de riscos, buscando incentivar actitudes e hábitos seguros dun xeito didáctico, ameno e divertido, e para que asuman o valor da prevención dos riscos laborais como futuros traballadores.

A Escola Galega de Prevención ten como obxectivo que os rapaces e rapazas integren o concepto de cultura preventiva transversalmente dende os primeiros anos da súa formación ata a súa incorporación ao mercado laboral, introducindo aos máis novos/as a cultura preventiva e concienciando da importancia da seguridade e a saúde laboral.

Este centro itinerante, que nos últimos tres anos visitaron máis de 1.000 escolares, sitúase actualmente na sede do ISSGA na Coruña, co fin de que as súas actividades cheguen aos centros educativos da provincia.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar; fomentándose que o alumnado adquira a conciencia da seguridade nas actividades que desenvolve a diario, e tamén co fin de que actúe como motor de cambio nas actividades que realizan os seus proxenitores.

Co gallo de acercar o máis posible a escola aos nenos e nenas, consideramos que esta non se limita ao seu espazo físico que vai rotando de forma periódica polos centros territoriais do Instituto, senón que se alimenta tamén das visitas que o persoal técnico do ISSGA realiza aos centros educativos, onde se poida achegar o concepto de prevención de riscos laborais aos nenos e nenas galegos; así como das visitas que os centros educativos realizan aos centros territoriais do Instituto, para coñecer o seu funcionamento nas distintas disciplinas preventivas.