Xoves, Setembro 11, 2014
Economía e Industria implica a todos os axentes do sector da lousa nunha comisión técnica para impulsar actuacións contra o po de sílice
- O órgano, presidido polo director xeral de Enerxía e Minas, conta con representantes do Clúster da Lousa, dos sindicatos, do Instituto Nacional de Silicosis e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral
- Entre as accións a desenvolver atópase a avaliación e control dos novidosos sistemas de nebulización e ventilación xa implantados nalgunhas naves galegas na loita contra este tipo de po, co obxectivo de establecer pautas aplicables ás diferentes naves do sector
- A iniciativa intégrase nas actuacións levadas a cabo pola Consellería de Economía e Industria neste eido, que desde o 2009 ten destinado 1,5 millóns á mellora da situación dos traballadores en relación ao po de sílice
Santiago, 11 de setembro de 2014.- A Xunta de Galicia está a desenvolver nos últimos anos diferentes proxectos co sector da lousa co obxectivo de reforzar o seu posicionamento como unha das principais industrias mineiras da economía galega. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria formalizou hoxe a posta en marcha dunha Comisión Técnica que, por primeira vez, contará coa participación de todos os axentes do sector da lousa co obxectivo de impulsar actuacións prácticas para a mellora das condicións dos traballadores reducindo a súa exposición ao po de sílice.
Así, o órgano, presidido polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, conta con representantes do Clúster da Lousa, das centrais sindicais maioritarias no sector, do Instituto Nacional de Silicosis e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
Deste xeito, a Comisión Técnica supón un novo paso que suma a colaboración dos os axentes implicados na procura de iniciativas que fomenten medidas de prevención para a eliminación dos riscos mediante novas tecnoloxías, mellorando as xa existentes e introducindo cambios nos procesos produtivos.
Non en van, nos últimos cinco anos a Consellería de Economía e Industria leva destinados preto de 1,5 millóns de euros a distintas actuacións para diminuír os riscos derivados para os traballadores do sector da exposición ao po de sílice. Un impulso que se inclúe dentro dos preto de 10 millóns de euros que, no mesmo período de tempo, destinou a Consellería á prevención de riscos e ao apoio ao I+D+i do sector mineiro galego.
As actuacións a desempeñar pola Comisión terán un carácter eminentemente práctico, destacando a avaliación e control dos sistemas implantados para diminuír o risco derivado da exposición a este tipo de po. Así, a Comisión dirixirá as accións para o control e mellora das tecnoloxías de nebulización e ventilación, aplicadas con carácter pioneiro nalgunhas naves do sector.
Neste contexto, o traballo levado a cabo pola Xunta en colaboración co Clúster ten permitido que Galicia conte xa con dous modernos equipos destas características, nunha fábrica de Lugo e nunha nave en Carballeda de Valdeorras (Ourense), que permiten rebaixar dun modo significativo os problemas derivados da exposición ao po de sílice. O obxectivo agora pasa pola posibilidade de replicar estas actuacións noutras infraestruturas do sector, sendo necesario para ilo establecer parámetros que adecúen o seu bo funcionamento ás diferentes condicións climatolóxicas e de construción que presentan os distintos tipos de naves.
O traballo desempeñado por esta Comisión encádrase nos proxectos iniciados ao abeiro da colaboración entre o Clúster e a Consellería de Economía e Industria, que teñen permitido a elaboración de estudos e traballos técnicos encamiñados a diminuír o risco derivado da exposición ao po de sílice.