Novas

Mércores, Outubro 21, 2009

A directora do ISSGA insta a unir esforzos na loita a prol da prevención de riscos laborais

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, instou hoxe a “unir esforzos” na loita a prol da prevención de riscos laborais, “porque os accidentes e as enfermidades profesionais nos afectan a todos”.

Quinzá-Torroja clausurou en Ferrol a xornada técnica “Avaliación de riscos, unha necesidade inescusable. Conclusións”, organizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato representado, xunto con CC.OO., UGT-Galicia e CEG, na Comisión de Goberno do ISSGA.

Na súa intervención, a directora do Instituto trasladou aos asistentes o convencemento de que o ISSGA debe dar “un salto cualitativo” que o leve, non só a ser legalmente o órgano técnico en prevención de riscos laborais en Galicia, que xa o é, senón a converterse “nunha realidade sociolaboral ” da nosa comunidade.

Sinalou, ademais, que a avaliación de riscos e a planificación da actividade preventiva son os instrumentos esenciais para a xestión e a aplicación do Plan de Prevención de Riscos Laborais nas empresas, como medio para acadar a integración efectiva da prevención.

Ao seu xuízo, a avaliación debe constituír un instrumento áxil que permita, da maneira máis doada posible, que os factores de risco detectados na orixe estean actualizados e avaliados en todo momento e que as medidas e actividades preventivas de control sexan tamén debidamente aplicadas.

A directora do Instituto referiuse tamén a importancia de que a avaliación de riscos contemple os posibles riscos psicosociais de determinadas condicións de traballo (acoso laboral, violencia...), subliñando que a acción preventiva debe estar orientada á creación de contornas saudables e á promoción da saúde.

Con respecto á prevención das enfermidades profesionais, fixo fincapé na necesidade de reforzar o papel da saúde pública no mundo laboral, así como de deseñar sistemas de información e vixilancia que incorporen e integren a información sanitaria e laboral, permitindo coñecer a magnitude dos danos derivados do traballo.