Venres, Outubro 16, 2009
A directora do ISSGA incide na necesidade de dar un salto cualitativo e asentar na sociedade a prevención no ámbito laboral
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, incidiu hoxe na necesidade de “dar un salto cualitativo” e asentar na sociedade a prevención de riscos no ámbito laboral. Quinzá-Torroja inaugurou hoxe unha xornada sobre a prevención da gripe A nas empresas e centros de traballo, celebrada no Centro do ISSGA de Pontevedra, con sede en Rande (Redondela), e coorganizada polo Instituto e a Asociación Galega de Servizos de Prevención (AGASPA).
Segundo a directora do ISSGA, sindicatos, asociacións, empresas e técnicos deben ter unha maior presenza no terreo da prevención de riscos no traballo. Neste contexto, o ISSGA debe ser “unha canle de colaboración” para facilitar o cumprimento da legalidade nesta materia, pero, sobre todo, para facilitar a relación coa Administración para a mellora da prevención, sinalou.
Pola súa banda, o xefe do Equipo de Medicina Laboral do Centro do ISSGA de Pontevedra, Manuel Gil, fixo algunhas recomendacións xerais para as empresas para reducir ao mínimo o impacto desta nova enfermidade nos traballadores. Así, salientou a importancia de manter ventilados os postos de traballo, de incrementar a limpeza nos locais, evitar o intercambio de equipos, asegurar a existencia de tollas de papel e xabón nos aseos, buscar alternativas ás reunións presenciais e promover as medidas hixiénicas nos traballadores.
Así mesmo, os empresarios deberán, ao seu xuízo, valorar o índice de absentismo que pode chegar a soportar a empresa, concertar con Empresas de Traballo Temporais (ETT) a posibilidade de cubrir as baixas laborais, identificar os postos que é imprescindible manter cubertos e previr situacións de recolocación.
Gil falou tamén sobre a Guía para a Elaboración do Plan de Actuación das Empresas ante a situación actual de pandemia ocasionada polo virus da gripe A, na que se recollen as principais accións e medidas preventivas. O Plan de Actuación ten como obxectivo minimizar os efectos sociais e económicos asociados á pandemia e reforzar a protección da saúde das traballadoras e dos traballadores.
Por outra parte, o enxeñeiro técnico industrial e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais Marcos Moure fixo algunhas recomendacións sobre como avaliar o risco da exposición á gripe A, referiuse tamén ao debate existente na sociedade sobre este tema e realizou un repaso polo marco normativo actual.
Actuacións do ISSGA
Esta xornada enmárcase dentro das actuacións que está a desenvolver o ISSGA, como organismo técnico-científico con competencia en prevención de riscos laborais, para axudar a empresarios e traballadores a afrontar as situacións derivadas da pandemia de Gripe A/H1N1. Entre elas, ademais da organización de xornadas formativas e divulgativas nos seus catro centros provinciais, enmárcase a publicación dunha folla de prevención sobre esta enfermidade e sobre as medidas de prevención que deben tomar empresarios e traballadoras para previla. Tanto esta publicación como a Guía para a Elaboración do Plan de Actuación das Empresas ante a pandemia están dispoñibles na páxina web do organismo, www.issga.es.