Novas

Luns, Xullo 05, 2010

A directora do ISSGA e o director do Plan Ferrol clausuran hoxe o curso de prevención de riscos laborais impartido a traballadores da comarca

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García; o director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry; e o presidente da Asociación Impulsora do citado plan, Julio Abelleira, clausuran esta tarde ás 16.30 horas nas instalacións de Formega en Ferrol un curso de prevención de riscos laborais, dentro da colaboración establecida entre ambas as partes para o desenvolvemento de cursos de prevención de nivel básico de 50 horas, titorizados por técnicos do ISSGA. A formación impartida habilita para o exercicio das funcións de nivel básico contempladas no regulamento que desenvolve a Lei de Prevención de Riscos Laborais. Ao acto asistirán unha representación do profesorado así como 50 alumnos participantes no curso.

Coa programación deste curso, o ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, participa directamente na información e difusión da cultura da prevención a través do Plan Ferrol, como unha plataforma idónea para divulgar os criterios da saúde laboral nunha comarca cun importante tecido industrial.

O Plan de desenvolvemento das Comarcas de Ferrol Eume e Ortegal, coordinado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, e consensuado cos axentes sociais, nace co obxectivo de paliar o efecto negativo das diferentes reconversións que o sector naval, principal motor industrial da zona, veu experimentando ao longo das tres últimas décadas.

A través do Igape, a Xunta de Galicia dispuxo dun marco de apoio aos investimentos con medidas de discriminación positiva para converter o territorio nun espazo especialmente atractivo para acoller novos proxectos, ao tempo que se están a impulsar outras actuacións encamiñadas a favorecer a mellora da competitividade das empresas da zona e a internacionalización.

Todas as liñas de actuación previstas están orientadas a lograr dunha forma coordinada e coherente o desenvolvemento de todas aquelas áreas con potencial de crecemento a curto e medio prazo, involucrando ás administracións correspondentes de cada unha delas para facer un esforzo conxunto e lograr os obxectivos de dinamización económica buscados.

Nesta nova etapa do Plan Ferrol preténdese, ademais, realizar un esforzo especial para poñer en marcha actuacións concretas dirixidas a mellorar a empregabilidade dos desempregados das comarcas. Neste ámbito está encadrado o curso básico de prevención de riscos laborais que hoxe se clausura.