Martes, Xullo 19, 2011
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, participa como relatora nun curso de verán da USC sobre estrés e saúde
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) colabora coa Universidade de Santiago (USC) na celebración do curso de verán ‘Estrés e saúde: a saúde nas profesións con alto risco de estrés‘, pertencente ao espazo formativo estival da USC e que se celebra na Sede NovaCaixaGalicia, situada no Real Club Náutico de Sanxenxo, durante os días 19 e 20 de xullo, e no que se cubriron as 50 prazas das que dispuña o evento.
Adela Quinzá-Torroja, directora do ISSGA, participará na programación de tarde desta primeira xornada cun relatorio sobre as “Profesións con elevado risco de estrés: impacto en Galicia” na que fará referencia aos factores psicosociais na Estratexia de prevención de riscos laborais. Galicia 2011-2014 e ao seu impacto en Galicia a través do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, no que se enmarcan as Enquisas de Condicións de Traballo realizadas no 2010 a traballadores/as galegos/as.
Nestas enquisas obtívose información sobre os factores de riscos psicosociais que afectan ao benestar psíquico dos traballadores e traballadoras, e como estes interactúan coas persoas que se relacionan co seu traballo. En concreto, abordaranse, cos datos da Enquisa, os seguintes aspectos: apoio social, desenvolvemento e autorrealización profesional, autonomía, estabilidade no emprego, salario, promoción, relacións persoais, tempo de traballo (traballo a quendas, nocturno, prolongación da xornada, adaptación de horarios aos compromisos familiares e sociais, etc), condutas violentas no traballo (ameazas, violencia física, acoso sexual, discriminación por idade, sexo o calquera outra circunstancia persoal).
O curso comezou esta mañá a partir das 09.30 horas coa entrega da documentación e se prolongará ata o mércores, en horario de mañá e tarde, cunha duración de 16 horas lectivas, e cuxo programa pode consultar na seguinte ligazón.