Martes, Febreiro 04, 2025
Día mundial contra o cancro
O cancro é a principal causa das mortes relacionadas co traballo na UE. As exposicións laborais, á súa vez, son a cuarta causa do cancro despois do tabaco, a dieta e o sedentarismo. Nas estratexias de seguridade e saúde no traballo española e galega contémplase a necesidade de intensificar as actuacións de prevención da exposición a substancias e axentes perigosos, con especial atención ao cancro de orixe profesional, incidindo tanto na eliminación ou redución da exposición a substancias canceríxenas como na mellora da identificación, diagnóstico e coñecemento das enfermidades profesionais.
Este compromiso por parte de todos os actores implicados plasmouse tamén nunha Axenda nacional que, tras unha fase de consenso científico-técnico e unha posterior de consenso social, verá a luz e comezarase a executar neste 2025. Nela recóllense medidas para coñecer a situación actual do cancro de orixe profesional, adaptar os instrumentos normativos, impulsar programas de vixilancia e control do cumprimento da normativa, avanzar na mellora da acción preventiva, no diagnóstico precoz e intervención temperá e na promoción do coñecemento científico e epidemiolóxico. O Issga participou na elaboración desta Axenda desde o primeiro momento e levará a cabo aquelas medidas que se poñan en marcha polo segundo plan de acción da estratexia española asignadas ás CCAA e que sexan da súa competencia.
Con motivo do Día Mundial contra o Cancro e coa recente aprobación do noso Plan de actuación para o 2025, desde o Issga queremos informar das actuacións que se van a realizar durante este ano:
-
Elaborar un novo mapa de risco químico en Galicia.
-
Levar a cabo unha campaña para a difusión do coñecemento técnico sobre PRL e axentes canceríxenos.
-
Deseñar e difundir unha campaña dirixida aos talleres de reparación de vehículos para alertar sobre a exposición a fumes de motores diésel e aceites usados, en colaboración con asociacións do sector.
-
Continuar coa campaña sobre prevención da exposición a SCR en talleres e obras dirixida a concienciar e sensibilizar ao sector sobre os riscos da exposición e as medidas de prevención e protección coas que necesariamente se deben desenvolver os traballos
-
Realizar accións de información e asesoramento técnico específicas nos traballos con risco de exposición a substancias e axentes canceríxenos.
-
Levar a cabo actuacións comprobatorias por parte do persoal técnico habilitado en actividades con exposición a amianto, sílice cristalina respirable e po de madeira.
-
Investigar todas as enfermidades profesionais por exposición a canceríxenos comunicadas ao sistema CEPROSS.
-
Participar no proxecto de investigación “Rede sentinela de tumores ORL de orixe laboral (Cancro de seos paranasais) en colaboración co INSST, ISCIII, SEOM, CCAA e a ENMT para estimar a infra-notificación deste tipo de tumores e identificar os factores de exposición laboral.
-
Participar no subgrupo de valoración de casos posibles cancro laboral de cancro de seos paranasais asesorando ao oncólogo/a en a comunicación da sospeita de EP e en historia laboral de exposición.
-
Participar nos grupos de traballo a nivel nacional sobre enfermidades profesionais e axentes canceríxenos e mutáxenos coordinados polo INSST.
-
A isto hai que engadir as actuacións para o traballo seguro na retirada de amianto e para a redución da exposición a radon no ámbito laboral.
Desde o Issga queremos seguir sumando esforzos para aflorar as patoloxías de orixe laboral e avanzar cara a unha prevención real e eficaz fronte ao cancro profesional. Para iso poñémonos ao dispor do tecido empresarial galego para acompañalo con coñecemento científico e rigor técnico no cumprimento normativo e a mellora da xestión preventiva.