Novas

Sábado, Abril 28, 2012

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

O 28 de abril conmemórase o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo. Este ano finaliza a execución das estratexias comunitaria e española de seguridade e saúde no traballo 2007-2012, circunstancia que propicia a reflexión sobre a situación actual da sinistralidade laboral, os avances producidos neste período e sobre os próximos retos a acometer.

En Galicia estamos a desenvolver por segundo ano o Plan estratéxico en prevención de riscos laborais 2011-2014, deseñado, consensuado e acordado por todos os axentes implicados no marco do Diálogo Social.

A saúde e a seguridade laboral son aspectos de primeira importancia na axenda política da Unión Europea, de España e, como non podía ser doutro xeito, do Goberno de Galicia, co obxectivo de dar cumprimento ao mandato constitucional que ordena a todos os poderes públicos velar pola seguridade dos traballadores.

Con ese fin de velar e garantir a efectividade deste dereito constitucional, a Xunta de Galicia conta cun órgano técnico e especializado nas distintas disciplinas preventivas -seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía e medicina do traballo - que ten encomendada a xestión e a coordinación das políticas que na materia se establezan coa participación das organizacións sindicais e empresarial, para a mellora das condicións de traballo ao obxecto de eliminar ou reducir na súa orixe os riscos inherentes ao traballo.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), órgano no que ademais da administración, participan a CEG, UGT de Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG, consolida e afianza unha política preventiva que ten un lema claro: que a saúde e a seguridade no traballo debe implicar a todos, cun esforzo común. De igual xeito estase a fortalecer a coordinación entre distintos estamentos da administración autonómica, e a colaboración entre as autoridades laboral, sanitaria e educativa comezan a render resultados positivos en prol da mellora das condicións de traballo e do estado da seguridade e saúde laboral en Galicia.

Froito dese esforzo conxunto temos conseguido que a sinistralidade laboral experimente en Galicia durante 2011 unha baixada do 14% no índice dos accidentes totais respecto do ano anterior. E este dato é se cabe máis positivo si se consideran os accidentes graves e os mortais, cuxas incidencias baixaron respectivamente o 21% e o 17% no mesmo período. Estas cifras marcan a tendencia dun descenso sostido dende 2007, co que se cumpre o obxectivo de redución dun 25% marcado na estratexia comunitaria, que en Galicia acada o 33,28%. Pero alén do cumprimento deste obxectivo, e por riba dos datos estatísticos, cómpre lembrar que cada accidente de traballo e cada enfermidade laboral comportan un sufrimento persoal e familiar, polo que o maior logro é que no último ano 20.694 galegos evitaron esa desgraza en comparanza con 2007.

A pesares deste significativo descenso do número de accidentes é preciso continuar a avanzar na súa redución, porque case catro de cada cen traballadores tiveron un accidente ao longo do ano, e en sectores de importancia estratéxica en Galicia, como o agrogandeiro-forestal ou o da pesca séguese a producir un importante número de accidentes graves e mortais. Por iso, e sobre a base científica e técnica de que a maioría de accidentes e enfermidades laborais son evitables, o ISSGA desenvolve programas de redución específicos para estas actividades, ao tempo que ten avanzado de xeito significado na prevención fronte a riscos que nos últimos tempos adquiren unha significación importante, como os de carácter psicosocial ou os de orixe ergonómica, e na protección de colectivos especiais como o das mulleres en período de embarazo, puerperio ou lactación.

Na etapa de crise económica que estamos a sufrir pódese caer na tentación de poñer o centro de atención noutros problemas máis inmediatos, pero esta situación conxuntural non debe afectar a un piar estrutural como a seguridade e a saúde laboral, que ten que continuar a ser un obxectivo prioritario, porque a súa promoción non só incrementa a protección dos traballadores, senón que tamén contribúe á eficiencia empresarial. As políticas activas de prevención reducen os custes de absentismo e de compensación dos danos, e aumentan a motivación dos traballadores, polo que son fundamentais para a mellora da produtividade e da competitividade, incrementando o que se pode denominar como “capital saúde”, do que se beneficia toda a sociedade.

Por iso, o Goberno galego mantén a súa aposta pola continuidade dos esforzos en investigación e coñecemento dos riscos laborais, polo reforzo do respecto e o cumprimento da normativa legal, pola atención prioritaria aos colectivos máis vulnerables, por ampliar o abano de riscos a eliminar ou reducir, polo fomento dunha verdadeira política preventiva na empresa, polo reforzo da coordinación e cooperación de todos os actores implicados na prevención de riscos laborais, e, en definitiva, por afianzar os valores, actitudes e os comportamentos que consoliden en todos os estratos da sociedade de Galicia unha cultura da prevención baseada na idea de que a calidade e a dignidade do traballo están ligadas indisolublemente á súa seguridade.”