Luns, Abril 29, 2013
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E A SAÚDE NO TRABALLO
O 28 de abril conmemórase o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, que no 2013 a Organización Internacional do Traballo (OIT) dedica á prevención das enfermidades profesionais, ao considerar que este tipo de patoloxías seguen sendo a nivel mundial as principais causas das mortes relacionadas co traballo.
A ausencia dunha prevención adecuada das enfermidades profesionais e das enfermidades relacionadas co traballo ten como consecuencia un irreparable dano nas persoas traballadoras e nas súas familias, pero tamén uns efectos negativos no tecido empresarial e no conxunto da sociedade. É un feito contrastado e admitido por todos que a prevención é mais eficaz e menos custosa que o tratamento e a rehabilitación.
Por iso, este ano o obxectivo da OIT é a sensibilización e a información sobre as novas tendencias no eido da prevención dos riscos laborais e sobre a magnitude das lesións, enfermidades e mortes relacionadas co traballo.
É certo que xa se avanzou moito no modo de abordar os retos que supoñen estas patoloxías, pero, como recoñece a OIT, existe a necesidade urxente de fortalecer a capacidade para a súa prevención no marco dos sistemas de seguridade e saúde no traballo.
En Galicia atopámonos xa no terceiro ano da execución do vixente Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014, froito do consenso no marco do Dialogo Social. Son moitas as referencias á problemática dos danos na saúde dos traballadores e traballadoras que se realizan ao longo da dita estratexia.
En concreto, un dos obxectivos dedícase expresamente a “mellorar o nivel de coñecemento, análise e investigación en materia de seguridade e saúde laboral”. Nel recóllense, respecto das enfermidades profesionais e as relacionadas co traballo, a garantía da información periódica, as iniciativas para a mellora da súa declaración, o impulso da súa investigación, o estudo da epidemioloxía e o desenvolvemento dun sistema de información de saúde laboral.
Dando cumprimento a ditas liñas estratéxicas, dende o ano 2011 temos realizado múltiples avances e esforzos. Así, nos plans anuais de actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) recóllense accións de investigación de enfermidades profesionais, de promoción sectorial da vixilancia da saúde, colaboracións coa autoridade sanitaria, vixilancia epidemiolóxica a colectivos como traballadores de canteiras, recoñecementos médicos específicos a autónomos, etc.
O Goberno de Galicia reitera o seu firme compromiso de afondar nesta problemática e solicita o concurso neste esforzo, que debe ser compartido, aos empresarios e traballadores, e moi especialmente ás organizacións sindicais e empresarias e, en xeral, a toda a sociedade.
En definitiva, sendo conscientes de que as enfermidades profesionais son causa de grandes perdas e sufrimentos, todos os implicados traballemos arreo para salvagardar, aínda coas dificultades propias dun momento de crise como o actual, o dereito á seguridade e saúde laboral, que protexe os bens xurídicos de maior importancia, a vida e a integridade das persoas.