Luns, Abril 28, 2014
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E A SAÚDE NO TRABALLO
Hoxe, día 28 conmemórase o Día mundial da seguridade e saúde no traballo. Para este ano, a Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu como lema “A seguridade e saúde no uso de produtos químicos no traballo”, pois a súa produción e o seu uso presentan un dos retos máis destacables á hora de protexer o lugar de traballo.
Ante este reto, é necesario unha resposta global para afrontar o aumento da produción dos produtos químicos, os diversos cambios na organización do traballo e os adiantos tecnolóxicos. Débese confeccionar, polo tanto, un enfoque uniforme que garanta a seguridade e saúde na utilización dos produtos químicos.
Seguindo esta liña de traballo, a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), iniciou no ano 2011, coa actual Estratexia en prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, un ambicioso proxecto neste eido –que tivo como base o Mapa de risco químico- e que permitiu coñecer os riscos xerados pola utilización deste tipo de produtos en empresas seleccionadas, clasificadas por sectores e subsectores de actividade. Este traballo continuará este ano cun conxunto de accións de información e de asesoramento sectorial nos distintos centros de traballo. Hai que destacar que para todas estas actuacións, estase a contar coa implicación necesaria e fundamental dos axentes sociais. Ademais desta colaboración con empresas e representantes dos traballadores, o Goberno galego está a avanzar tamén na mellora da coordinación das distintas unidades directivas laborais e sanitarias competentes nesta materia.
Desde a Xunta seguirase traballando para garantir o cumprimento do dereito das persoas traballadoras á seguridade e saúde no desenvolvemento da súa actividade laboral, impulsando políticas activas de prevención sobre os riscos laborais e desenvolvendo plans de xestión da saúde laboral destinados non só a diminuír a sinistralidade, senón tamén a favorecer unhas adecuadas condicións de traballo que consigan crear unha contorna laboral segura e saudable.
Os esforzos e o traballo desenvolvido ata o de agora lograron reducir os índices de sinistralidade nestes últimos anos, grazas ás liñas de traballo recollidas na Estratexia que remata a finais deste exercicio, e que foron consensuadas no marco do diálogo social. Este compromiso, compartido cos interlocutores sociais, será tamén a base do novo plan estratéxico. Esta folla de ruta seguirá tendo como obxectivo principal reducir ao mínimo as situacións de risco e, por tanto, os accidentes laborais e as enfermidades profesionais, facendo especial fincapé na integración da prevención na actividade diaria das empresas e na concienciación e sensibilización de toda a sociedade.
Nesta data especialmente, pero tamén ao longo de todo o ano, non debe esquecerse que a prevención é sempre rendible, aínda máis en tempos de dificultade, e permite avanzar cara maiores cotas sociais de xustiza e benestar.