Novas

Xoves, Abril 28, 2022

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

A Xunta de Galicia, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora o día 28 de abril, quere reiterar este ano, máis que nunca, o seu firme compromiso co emprego de calidade, co convencemento de que o primeiro chanzo pasa por garantir a seguridade e a saúde mediante unha adecuada xestión dos riscos laborais nos centros de traballo.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu para o 2022 como lema «Actuar xuntos para construír unha cultura de seguridade e saúde positiva». Esta idea reforzouse durante a pandemia, na cal se observou que contar cun sistema de seguridade e saúde sólido e coa implicación de todos os axentes sociais foi decisivo para protexer os contornos de traballo e salvagardar a seguridade e saúde das traballadoras e traballadores. Debemos aproveitar estas aprendizaxes e experiencia acumulada para consolidar un sistema forte que saiba dar unha resposta efectiva aos retos do presente, así como as crises que poidan vir nun futuro.

A OIT destaca neste ano 2022 que mediante un diálogo social eficaz os gobernos e os interlocutores sociais participan activamente en todas as etapas dos procesos de toma de decisións en materia de seguridade e saúde no traballo (SST). O diálogo social non só contribúe a mellorar as políticas en materia de SST, senón que tamén é esencial para fomentar o compromiso e posta en práctica no tecido empresarial e na sociedade en conxunto.

Así mesmo, a OIT tamén indica que unha cultura de SST sólida é aquela en que tanto a dirección como o persoal traballador valoran e promoven o dereito a unha contorna de traballo seguro e saudable. Unha cultura de SST positiva baséase na participación significativa de todas as partes na mellora continua das condicións de seguridade e saúde no lugar de traballo. Para iso é necesario establecer unha comunicación aberta e un diálogo baseado na confianza e no respecto mutuo.

Neste momento estase negociando no marco estatal a futura Estratexia española de seguridade e saúde no traballo, e Galicia desenvolve a representación de todas as comunidades autónomas.

A seguir, tendo como fontes os marcos estratéxicos de Europa e España, Galicia dotarase dunha nova estratexia propia en seguridade e saúde laboral, que se deseñará co coñecemento e rigor técnico na materia e a través da participación activa das organizacións sindicais e empresariais de Galicia. Esta estratexia buscará, como obxectivo principal, promover a mellora da xestión da prevención de riscos laborais,seguir loitando contra a sinistralidade no traballo e camiñar ata a consolidación do benestar laboral, querendo tamén dar resposta aos novos riscos xurdidos das novas formas de traballo.

Con carácter anual véñense desenvolvendo en Galicia actuacións nesta materia cun amplo consenso, tanto no seu deseño como na súa execución, incluídas nos plans anuais de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que contan coa aprobación unánime dos axentes sociais representados no órgano de goberno do Instituto, así como coa colaboración e coordinación con outras unidades directivas da Xunta de Galicia con competencias no ámbito da prevención de riscos laborais.

A saúde e a seguridade laboral son aspectos prioritarios na axenda política mundial, da Unión Europea, de España e, como non podía ser doutro xeito, do Goberno galego, co obxectivo de dar cumprimento ao mandato constitucional que ordena a todos os poderes públicos velar pola seguridade das traballadoras e traballadores.

A situación conxuntural derivada da recente etapa de crise sanitaria e económica que aínda estamos a padecer puxo en primeira liña a prevención como solución para evitar ou minimizar os riscos. Polo tanto, débese afianzar o coñecemento técnico en prevención de riscos laborais e promover o valor da integración da cultura preventiva nos centros de traballo.

O principio de anticipación ao risco, ademais de mellorar a protección e motivación de traballadores e traballadoras, contribúe á mellora da competitividade, da produtividade e da imaxe das organizacións empresariais.

Neste contexto, cobra especial importancia o labor que veñen realizando as e os profesionais da seguridade e saúde no traballo para a construción dunha resiliencia colectiva no eido laboral, profesionais que deben asumir retos derivados dos cambios na organización e modalidade do traballo ou das novidades técnicas, para a adopción de mellores medidas de protección e seguridade da poboación traballadora galega.

O Goberno galego quere así, en primeiro lugar, amosar o seu compromiso coa causa e, en segundo lugar, pedir a colaboración de todos os actores implicados para seguir avanzando xuntos na consecución dunha contorna laboral máis segura, máis saudable e que e que garanta un emprego de maior calidade para todas as galegas e galegos.