Novas

Mércores, Abril 28, 2010

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

A celebración, o 28 de abril, do Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo dá a oportunidade ao Goberno galego de reiterar o seu decidido compromiso a prol dunha efectiva e real integración da prevención fronte aos riscos laborais. Para logralo é precisa a implicación de todos os actores nas relacións laborais. É necesaria a suma de todos os esforzos encamiñados á procura da redución dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais.

Proba dese traballo conxunto e na mesma dirección, é a actual elaboración, no marco do Diálogo Social, do segundo plan estratéxico de prevención de riscos laborais en Galicia, donde se establecerán os obxectivos e as liñas de actuación que marcarán nos vindeiros anos a loita conxunta contra a sinistralidade laboral na nosa comunidade autónoma.

A presenza cualificada das organizacións sindicais e empresarial mais representativas no máximo órgano de goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que aprobou o Plan de Actividades para 2010 que se esta a desenvolver, pon tamén de manifesto que, neste eido da seguridade e saúde laboral, a sensibilidade e a responsabilidade é cousa de todos.

Unha sociedade moderna e con fortes valores debe asumir como propia a efectiva integración da prevención dos riscos no traballo, considerar como valor irrenunciable a seguridade laboral dende o deseño do proxecto empresarial e converterse en garante dun dereito constitucional que a todos nos afecta e que precisa de todos para a súa real implantación no quefacer diario nos centros de traballo.

Mesmo unha época de crise, como a que estamos a vivir, debe verse como unha oportunidade de consolidar este dereito e non converterse nun momento no que se poida retroceder no camiño avanzado ata a actualidade.

Na Xunta de Galicia existe o convencemento da necesidade de seguir potenciando políticas específicas en sectores considerados de alto risco e naquelas actividades propias de Galicia, como a pesca e o agro, que precisan de tratamentos singularizados. Igualmente apostamos por un decidido apoio ás pemes, micropemes e incrementar a promoción da prevención entre os autónomos.

A necesaria coordinación de políticas preventivas entre os diversos departamentos da Xunta de Galicia con competencias no eido da prevención é un obxectivo prioritario da Administración autonómica, así como o reforzamento de accións de información, formación, asesoramento técnico e de seguimento e control do cumprimento da normativa en materia preventiva nas empresas e centros de traballo.

Nesta data, o Goberno de Galicia quere explicitar o seu agradecemento aos axentes sociais e a todos os implicados no mundo do traballo que a cotío se esforzan en transformar actitudes negativas e mudar comportamentos inseguros, mediante a prevención, conseguindo evitar que as situacións de risco se convertan en sinistros e, en consecuencia, asentando a cultura preventiva como piar básico cara a un traballo máis seguro, máis digno e de máis calidade para todos os galegos e as galegas.