Novas

Venres, Marzo 08, 2024

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Imaxe igualdade

O 8 de marzo é desde hai máis dun século o día para visibilizar e celebrar os avances conseguidos na loita polos dereitos das mulleres.                                                

A igualdade debe ser reivindicada os 365 días do ano, pero o Día Internacional da Muller é a xornada por excelencia para conmemorar os logros conseguidos en materia de igualdade en todas as esferas sociais. Un día para reflexionar e tomar conciencia do camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade de oportunidades real entre mulleres e homes.

Galicia é unha comunidade comprometida coa construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria, onde toda a cidadanía teña cabida e dereito a desenvolver unha vida plena, independentemente da súa orixe, xénero e orientación sexual. Un lugar seguro, onde todas as mulleres e nenas poidan vivir en liberdade.

O día de hoxe conmemora a loita histórica e presente das mulleres arredor de todo o mundo pola súa participación na sociedade e polo recoñecemento dos seus dereitos políticos, laborais, sociais e económicos.

Os dereitos das mulleres seguen sen estar garantidos en moitos lugares do planeta, e a consecución dunha igualdade plena en todos os sectores da sociedade debe ser unha aspiración primordial pola que seguir traballando e celebrando un día coma hoxe. Un obxectivo do que deben ser partícipes todas as institucións e colectivos, tanto públicos coma privados.

Nos últimos anos, a forza do feminismo galego conseguiu desenvolver mobilizacións históricas que reflicten o compromiso das galegas e galegos para seguir camiñando cara á igualdade.

Galicia avanza grazas ao inconformismo e convicción de milleiros de mulleres, asociacións e organizacións que contribúen á conquista de novos dereitos, para tomar conciencia das inxustizas e facer do feminismo un movemento cada vez máis hexemónico na nosa comunidade.

A Xunta de Galicia leva anos traballando pola promoción da igualdade. Nos últimos tempos puxo en marcha medidas pioneiras para protexer os dereitos das mulleres, das nenas e dos colectivos LGBTI.

Un día coma o de hoxe, cómpre lembrar e poñer en valor os pasos dados nos últimos tempos para alcanzar unha sociedade máis xusta e equitativa, como a aprobación da Lei de igualdade efectiva entre mulleres e homes de Galicia, que promove o empoderamento, as mesmas oportunidades ou os dereitos das mulleres nos eidos rural e marítimo pesqueiro.

A loita por acadar unha igualdade real -que chegue a todas as institucións e elos da sociedade- leva un longo camiño percorrido. Sen embargo, as cifras indican que aínda queda moito por facer e a realidade evidencia que cada día é unha pequena vitoria nunha vida de loita.

Hoxe, e os 365 días do ano, queremos reivindicar que a igualdade achega novas perspectivas, talento, creatividade e máis oportunidades en calquera ámbito, polo que tamén reiteramos o noso compromiso cunha ciencia do futuro que sexa feminista, integradora e humanista que redundará no progreso e no desenvolvemento real da sociedade.