Martes, Marzo 13, 2012
Cursos básicos de prevención de riscos laborais nos Centros ISSGA de Lugo e Ourense
Durante esta semana, dentro da oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral para este ano 2012, está tendo lugar a 1ª edición do Curso básico de prevención de riscos laborais nos seus centros de Lugo e Ourense, no que participarán ata o vindeiro venres unha vintena de alumnos en cada unha das edicións.
Contido
Este curso ten unha duración de 35 horas e desenvolve o programa formativo que se establece no anexo IV-B) do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de Prevención, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 5 horas.
1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.
2. Riscos xerais e a súa prevención.
3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.
4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.
5. Primeiros auxilios.
6. Prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
Obxectivos
1. Proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención, establecida no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención.
2. Proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.
Oferta formativa do ISSGA
A Lei de Prevención de Riscos Laborais establece entre outras obrigas, a de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.
Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de vida no traballo.
Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve nos seus centros provinciais, ten o propósito de proporcionar formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais e dar cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011 – 2014.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.