Novas

Luns, Xuño 23, 2025

Curso sobre “Métodos de ergonomía para a avaliación de postos de traballo”

imaxe curso issga

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) organizou unha acción formativa no marco da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dirixida ao persoal técnico do ISSGA e aberta a profesionais dos servizos de prevención da Xunta de Galicia. Esta formación, celebrada entre o 10 e o 20 de xuño de 2025, tivo como finalidade dotar ao alumnado de ferramentas prácticas e criterios técnicos para abordar con rigor a avaliación dos riscos ergonómicos presentes nos postos de traballo.

Durante o curso afondouse no coñecemento dos trastornos musculoesqueléticos de orixe laboral e nos factores de risco que os provocan, abordando tanto o seu impacto na saúde das persoas traballadoras como as consecuencias na organización do traballo. Analizáronse criterios para a selección de métodos de avaliación segundo o tipo de posto e condicións de exposición, revisando metodoloxías recoñecidas e aplicando casos prácticos que permitiron ao alumnado exercitar as súas capacidades de análise. Tamén se traballou na interpretación dos resultados e na elaboración de informes técnicos que recollan propostas de mellora e medidas preventivas orientadas á adaptación dos postos e á redución da exposición.

A través dun formato mixto, con sesións por videoconferencia os días 10, 16, 17 e 18 de xuño, e unha sesión presencial o día 20 na EGAP en Santiago de Compostela, a formación favoreceu a participación activa e o intercambio de experiencias entre o persoal técnico participante.

O curso contou coa colaboración de docentes do Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (INSST), así como coa participación de César André Rivas, técnico do ISSGA, que impartiu a sesión final presencial achegando unha visión aplicada baseada na experiencia directa en avaliación de postos en distintos sectores de actividade.

Esta acción formativa contribúe á mellora continua das competencias do persoal técnico da Administración galega e reforza o compromiso do ISSGA coa promoción dunha cultura preventiva que teña en conta os factores ergonómicos como elemento clave na calidade do traballo e na saúde das persoas.