Novas

Martes, Febreiro 12, 2019

Curso sobre medición de axentes químicos

Os días 12 e 13 de febreiro ten lugar no edificio IGAPE_ISSGA en Santiago de Compostela e no Centro ISSGA de Pontevedra (Rande-Redondela), respectivamente, o curso de formación interna “Medición de axentes químicos. Estratexia para verificar a conformidade co valor límite de exposición” que conta con 41 asistentes.

A primeira das xornadas é impartida por técnicos do Centro Nacional de Verificación de Maquinaria do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) abordando os criterios técnicos da norma EN 689:2018, mentres que a segunda, eminentemente práctica, sobre a toma de mostras de contaminantes químicos en aire e os aspectos prácticos do desenvolvemento da toma de mostras utilizando diferentes tipos de mostreadores.

Obxectivos

Coñecer os criterios técnicos da norma EN 689:2018, que sinala os requisitos para a obtención de medicións representativas da exposición do traballador e unha estratexia para verificar a conformidade cos VLA a partir dun número reducido de medicións, presentando os cambios máis importantes que introduce con respecto á norma de 1995.

Destinatarios

Persoal técnico do ISSGA e dos gabinetes de seguridade e saúde laboral das asociacións sindicais e empresariais que forman parte da comisión de goberno do ISSGA.

Metodoloxía

Exposicións teóricas e, para facilitar a interpretación e aplicación, exemplos prácticos e realización de toma de mostras.

Descrición

De acordo co Real decreto 374/2001, a avaliación da exposición dos traballadores como consecuencia da inhalación de axentes químicos require, polo xeral, medir a concentración do axente químico na zona de respiración do traballador e comparala cuns valores límite de exposición (VLA).

A metodoloxía para realizar a devandita avaliación non é sinxela. Por unha banda, son necesarios procedementos de medida que permitan obter resultados da concentración do axente químico representativos da exposición do traballador e, por outra, é necesario realizar, dada a constatada variabilidade no tempo da concentración do axente químico no ambiente, un elevado número de medicións.

A metodoloxía de actuación que propón a norma EN 689:2018 aborda estes dous aspectos, proporcionando requisitos para a obtención de medicións representativas da exposición do traballador e unha estratexia para verificar a conformidade cos VLA a partir dun número reducido de medicións. Esta norma é unha referencia na avaliación da exposición a axentes químicos e como tal está considerada na guía técnica do INSST que desenvolve o Real decreto 374/2001.

Este curso aborda os criterios técnicos da norma EN 689:2018, presenta os cambios máis importantes que introduce con respecto á norma de 1995 e, para facilitar a súa interpretación e aplicación, desenvolve o contido mediante exemplos e probas prácticas.

Formación interna

Este curso forma parte da oferta de formación interna do ISSGA que pretende dar resposta aos numerosos avances no eido da PRL e ao dinamismo da materia co fin de actualizar e afondar nos coñecementos relacionados coas actividades que desenvolve o persoal técnico ou con temas preventivos novos e de actualidade sobre PRL.