Novas

Sábado, Novembro 08, 2025

Curso do ISSGA en Friol para o persoal coidador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar

imaxe curso coidadoras

Friol, 8 de novembro de 2025

No marco do Plan de Actuación 2025, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) continúa reforzando a protección das persoas traballadoras consideradas especialmente sensibles e dos colectivos vulnerables cunha nova acción formativa dirixida ao persoal coidador que realiza tarefas de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar.

Esta iniciativa insírese no eixe 4.2.5 do Plan de Actuación 2025, que contempla actuacións específicas para mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral neste colectivo, maioritariamente feminino e que desenvolve a súa actividade en domicilios particulares. O ISSGA persegue con esta formación promover a cultura preventiva, reducir a sinistralidade laboral e previr patoloxías como os trastornos musculoesqueléticos, ademais de abordar outros riscos biolóxicos e psicosociais asociados a esta actividade profesional.

No curso impartido en Friol, os días 18 e 25 de outubro e 8 de novembro de 2025,  abordáronse de maneira práctica as medidas preventivas necesarias para un desempeño seguro das tarefas de coidado e atención domiciliaria.

Con este curso, o ISSGA reafirma o seu compromiso coa formación preventiva e a protección das persoas traballadoras da atención á dependencia, un colectivo clave na mellora da calidade de vida das persoas atendidas e na construción dun entorno laboral máis seguro e saudable.