Mércores, Marzo 06, 2013
Curso básico de prevención de riscos laborais para máis de 50 persoas no centro ISSGA da Coruña
• Estes cursos, que se desenvolven en modalidade presencial, teñen unha duración de 35 horas lectivas.
• Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos catro centros provinciais do ISSGA e tres edicións a través da modalidade en liña, así como 24 xornadas técnicas sobre diversos temas de interese preventivo.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, comezou onte na súa sede da Coruña a primeira das catro edicións do Curso básico de prevención de riscos laborais que terán lugar neste centro.
A iniciativa enmárcase na oferta formativa do Instituto para este ano 2013. Na mesma 19 técnicos dese centro das especialidades de Seguridade, Hixiene, Ergonomía e Psicosocioloxía e Medicina Laboral impartirán a formación correspondente.
Nesta acción formativa figuran inscritas máis de 50 persoas de distintos colectivos e sectores (administrativo, eléctrico, emerxencias sanitarias, informática, automoción, xurídico, mecánica, construción, agricultura, industria ou artes gráficas, entre outros).
Estes cursos, que se desenvolven en modalidade presencial, teñen unha duración de 35 horas lectivas. O programa do curso versa sobre conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención, elementos básicos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios e prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
Oferta formativa do ISSGA
A Lei de Prevención de Riscos Laborais inclúe a necesidade de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.
Neste liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.
Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos catro centros provinciais do ISSGA e tres edicións a través da modalidade en liña, así como 24 xornadas técnicas sobre diversos temas de interese preventivo.