Novas

Martes, Novembro 09, 2010

Convocada a proba de validación de profesionais sen formación especializada, para a inscrición no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade nas obras de construción

Os profesionais que carezan de formación preventiva especializada, pero poidan xustificar o exercicio continuado de actividade de coordinadores ou coordinadoras de seguridade e saúde nas obras de construción dispoñen dun prazo de 20 días contados a partires de mañá, 10 de novembro, para presentar a súa solicitude para realizar a proba específica de validación.

Así ven determinado na Resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, pola que se convoca a proba específica de validación de profesionais sen formación preventiva especializada para inscrición no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, creado mediante o Decreto 153/2008, do 24 de abril.

Os profesionais interesados en realizar a proba deben solicitalo á Dirección Xeral de Relacións Laborais, achegando a documentación indicada no citado decreto, mentres que aqueles que xa teñan solicitado previamente a realización desta proba achegando a documentación necesaria, serán inscritos de oficio.

A estes efectos, considerase como experiencia continuada un período mínimo de dous anos de exercicio como coordinador, que debe xustificarse mediante copia compulsada das actas de designación, no caso de coordinación en execución de obra; e da certificación dos visados realizados polo correspondente colexio profesional para coordinación en elaboración de proxecto de obra, redacción de estudos de seguridade e saúde e estudos básicos de seguridade e saúde.

A proba, que será convocada e avaliada por un tribunal presidido polo xefe do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais, constará de 60 preguntas tipo test, das que será necesario respostar correctamente 40 para superar a proba.