Xoves, Novembro 02, 2017
Continuamos a formación do curso en liña específico para traballadores autónomos sobre prevención de riscos laborais
Esta acción formativa ten por obxectivo mellorar a formación dos autónomos, neste caso, en prevención de riscos laborais, xa que se proporcionará aos alumnos e alumnas a cualificación que se establece no anexo IV do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención.
Os 29 alumnos participantes comezaron a súa formación o pasado 17 de outubro e a través deste curso poderán acceder, no caso de que se supere un exame final, a un certificado que os capacita para a realización das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais que establece o artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención.
O programa que se impartirá é o seguinte:
1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo
2. Riscos xerais e a súa prevención
3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención
4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos
5. Primeiros auxilios
6. Prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero
Entre esas funcións de nivel básico, están a de promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e protección e fomentar o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada; realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación; colaborar na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias; actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións para o efecto e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.
A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores/as a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.
Nesta liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. Este curso específico para autónomos completa a programación formativa do Issga cun total de 5 cursos en liña en colaboración coa EGAP, ademais dos 12 cursos presenciais nos centros provinciais do Issga.
A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención. Nesa liña, aparte deste programa formativo, o Instituto desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.
Esta actuación encádrase dentro do “Plan Anual de Actividades do ISSGA” e forma parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2017; ademais, enmárcase no obxectivo fixado na Axenda 20 para o Emprego de mellorar as cualificacións dos traballadores galegos para incrementar as súas oportunidades laborais, e encádrase tamén na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo, con 163 medidas para reducir a sinistralidade no traballo, e na Estratexia Autónomo 2020 coa que o Goberno galego prevé favorecer o labor dos traballadores por conta propia.