Novas

Mércores, Xuño 09, 2010

A Consellería de Medio Rural, o ISSGA e organizacións sindicais colaborarán na prevención de riscos laborais no agro galego

A Consellería de Medio Rural, o ISSGA e tres organizacións sindicais agrarias van asinar o venres, día 11 de xuño, un acordo marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información, formación e vixilancia da saúde, dirixidas aos traballadores e traballadoras do agro, da gandería e do sector forestal, coa finalidade de mellorar as condicións de traballo deste sector, integrado en gran medida por pequenas empresas e traballadores autónomos.

O acordo será asinado pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado; e os responsables de Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias-UPA, e Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), nun acto que terá lugar na Consellería de Medio Rural, en Santiago de Compostela.

Este acordo marco de colaboración esta directamente vencellado aos obxectivos do Plan de Actividades 2010 do ISSGA en accións dirixidas ao sector do agro e especialmente aos autónomos, mediante o establecemento de mecanismos de información e asesoramento técnico, formación, colaboración nas tarefas de vixilancia da saúde e promoción da cultura preventiva neste colectivo.