Martes, Xullo 07, 2026
A Comisión Técnica de Seguimento da Seguridade e Saúde Laboral no sector da construción retoma a súa actividade tras a prórroga do convenio do proxecto Benseguro
Santiago de Compostela, 7 de xullo do 2026
Na sede do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) tivo lugar unha reunión da Comisión Técnica de Seguimento da Seguridade e Saúde Laboral no sector da construción, a primeira que se realiza tras a recente sinatura da prórroga do convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o Issga e a FLC para desenvolvemento do proxecto Benseguro.
Este proxecto, que comezou o ano pasado, ten como obxectivo minimizar a sinistralidade laboral neste sector mediante visitas de asesoramento técnico ás obras por parte de persoal especializado, accións de sensibilización e distribución de material elaborado polo Issga.
Durante a sesión examináronse os últimos datos de sinistralidade laboral do sector, xunto coas súas causas e as principais medidas preventivas e, por parte da Fundación Laboral da Construción de Galicia presentáronse os datos de balance do proxecto. En total realizáronse máis de 1.000 visitas de asesoramento en toda Galicia e emitíronse preto de 3.500 recomendacións preventivas, relacionadas principalmente con deficiencias observadas en medios auxiliares, proteccións colectivas, equipos de traballo e equipos de protección individual. As actuacións desenvolvéronse nas catro provincias galegas, chegando a 235 municipios.
A reunión permitiu poñer en valor a colaboración entre as entidades implicadas e reafirmar o compromiso de seguir impulsando actuacións que contribúan a mellorar a seguridade e a saúde laboral no sector da construción.