Mércores, Setembro 03, 2025
A Comisión Europea prohibe o uso das substancias TPO e DMPT en produtos de manicura e tratamentos de uñas
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025
Desde o 1 de setembro de 2025 entrou en vigor o Regulamento (UE) 2025/877 da Comisión, publicado no DOUE o 13 de maio de 2025, polo que se modifica o Regulamento (CE) n.º 1223/2009 relativo aos produtos cosméticos.
Este novo regulamento establece a prohibición do uso de dúas substancias clasificadas como carcinóxenas, mutáxenas ou tóxicas para a reprodución (CMR) e empregadas habitualmente en esmaltes e xeles semipermanentes para uñas:
-
TPO (óxido de difenil(2,4,6-trimetilbenzoil)fosfina)
-
INCI: Trimethylbenzoyl diphenylphosphine oxide
-
CAS: 75980-60-8
-
Figuraba ata o de agora no Anexo III (entrada 311) como substancia autorizada para uso profesional en sistemas de uñas artificiais cunha concentración máxima do 5 %.
-
Debido á súa clasificación como tóxica para a reprodución categoría 1B, pasa a incluírse no Anexo II (entrada 1731), quedando prohibida en produtos cosméticos.
-
-
DMPT (N,N-dimetil-p-toluidina)
-
INCI: N,N-dimethyl-p-toluidine
-
CAS: 99-97-8
-
Empregada como acondicionador de uñas, clasificada como carcinóxena categoría 1B.
-
Inclúese agora no Anexo II (entrada 1745) como substancia prohibida.
-
Relevancia para a saúde laboral
A prohibición destas substancias responde á necesidade de protexer tanto ás persoas usuarias como, especialmente, ao persoal profesional do sector da estética, que pode estar exposto de forma continuada a produtos cosméticos con formulacións complexas. Estes compostos poden provocar efectos adversos para a pel, ollos, sistema respiratorio e, no caso de exposición prolongada riscos máis graves.
Campaña do ISSGA
No marco destas novidades normativas, o ISSGA lembra a dispoñibilidade da campaña “Tratamentos de beleza: prevención do risco químico”, dirixida a profesionais de manicura, pedicura e aplicación de pestanas, que recolle boas prácticas preventivas para reducir a exposición a produtos cosméticos. As recomendacións inclúen:
-
Uso de luvas axeitadas e, cando proceda, protección ocular.
-
Ventilación eficaz do posto de traballo.
-
Evitar o contacto directo coa pel e seguir sempre as instrucións do fabricante.
-
Precaucións específicas para traballadoras embarazadas ou en período de lactación.
Consulta a documentación completa da campaña aquí.