Novas

Luns, Abril 22, 2013

Comezo dun curso básico de prevención de riscos laborais no centro ISSGA de Pontevedra

Hoxe comezou a segunda das catro edicións anuais do Curso básico de prevención de riscos laborais que durante toda a semana terá lugar no centro ISSGA de Pontevedra e que na unha decena de técnicos dese centro das especialidades de seguridade, hixiene, ergonomía e psicosocioloxía e medicina laboral impartirán a formación correspondente ás máis de 70 persoas de distintos colectivos inscritas nesta acción formativa.

Esta iniciativa enmárcase dentro da oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral para este ano 2013,

Contido

Estes cursos, que se desenvolven en modalidade presencial, teñen unha duración de 35 horas lectivas e desenvolven o programa formativo que se establece no anexo IV-B) do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de Prevención de 30 h., ao que se lle engade un módulo sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 5 horas. O programa do curso versa sobre:

1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.
2. Riscos xerais e a súa prevención.
3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.
4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.
5. Primeiros auxilios.
6. Prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.

Obxectivos

1. Proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención establecida no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención.

2. Proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo en determinados casos.

Oferta formativa do ISSGA

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.

Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.

Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.

Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos seus catro centros provinciais e tres edicións a través da modalidade en liña, así como 24 xornadas técnicas sobre diversos temas de interese preventivo.