Luns, Novembro 20, 2017
Comezamos en Santiago un curso de formación interna sobre equipos a presión
Santiago, 20 de novembro de 2017.- Este curso sobre prevención de riscos laborais dos equipos a presión, organizado polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e que forma parte da programación formativa da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten lugar durante os días 20, 21 e 22 de novembro en Santiago de Compostela.
Esta acción formativa conta coa participación de 22 asistentes, maioritariamente técnicos dos catro centros provinciais do ISSGA, e ten como obxectivo coñecer as particularidades especiais do tratamento dos aparatos sometidos a presión con especial incidencia na súa revisión e control da seguridade e a prevención de riscos laborais.
Formación interna
Debido aos numerosos avances no eido da prevención de riscos laborais e ao dinamismo da materia, considérase preciso elaborar unha oferta formativa para o persoal do Instituto que inclúa cursos de formación sobre temas relacionados coa seguridade e saúde laboral, co fin de actualizar e afondar os seus coñecementos relacionados coas actividades que desenvolve, ou con temas preventivos novidosos e de actualidade sobre prevención de riscos laborais.