Novas

Martes, Maio 26, 2026

Comeza a preparación da nova campaña europea 2026-2028 “Compromiso pola saúde mental no traballo”

imaxe reunión do REEST en Madrid

Madrid, 26 de maio de 2026

A subdirectora do ISSGA, Encarna Sousa Rodríguez, participou na reunión desta mañá da Rede española de seguridade e saúde no traballo (RESST), cuxo papel é dar difusión e apoio ás campañas europeas e contribuír a recompilar casos e exemplos de boas prácticas para unha adecuada xestión preventiva levados a cabo por empresas e institucións que se dan a coñecer, tanto na Rede Europea como na Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo.

O tema central da reunión foi a nova campaña europea para 2026-2028 que, baixo o lema “Compromiso pola saúde mental no traballo”, ten por obxecto sensibilizar sobre o impacto dos riscos psicosociais e promover a creación de contornas de traballo favorables, inclusivos e mentalmente saudables en todos os sectores. Este tema cobra cada vez máis importancia, xa que os datos mostran unha deterioración xeneralizada da saúde mental da cidadanía europea: o 37% das persoas que traballan sofre fatiga xeneralizada e o 29% sofre tensión, depresión ou ansiedade, segundo a enquisa OSH Pulse de 2025.

As cinco áreas prioritarias desta campaña que se lanzará en outubro son:

  • Avaliación e xestión dos riscos psicosociais.

  • Acoso, acoso sexual e violencia.

  • Riscos físicos e saúde mental.

  • Riscos psicosociais no sector da asistencia sanitaria e social.

  • Apoio á saúde mental no traballo.

Durante a reunión tamén se falou sobre o futuro do traballo, déronse a coñecer diversos proxectos e iniciativas relacionadas cos riscos psicosociais, ofreceuse información a nivel europeo e internacional e coordináronse as actividades da Rede para o 2026.

En todo este armazón da Rede nacional, o INSST actúa como Centro de Referencia da Axencia Europea, e os os seu membros (axentes sociais, órganos técnicos das CCAA, institucións e organismos da AGE, universidades, asociacións de técnicos de prevención e colexios profesionais) representan pezas que son clave para achegar información esencial para a prevención de riscos laborais.